O Concello de Poio estrea canal de WhatsApp para reforzar a comunicación e a transparencia coa cidadanía

16/02/2026

Para unirse é preciso facer clic no enlace whatsapp.com/channel/0029VbCUhv11Hsq7SVrI3211 ou escanear o código QR. “Este novo canal permitirá achegar a administración á veciñanza e ofrecer información útil de forma inmediata”, sinala Ángel Moldes.

O Concello de Poio vén de poñer en marcha un novo canal oficial de WhatsApp co obxectivo de reforzar a comunicación directa coa veciñanza e avanzar en materia de transparencia institucional. Esta nova ferramenta permitirá á cidadanía recibir información actualizada de maneira áxil, sinxela e accesible sobre a actividade municipal, avisos de interese, eventos, convocatorias e outras comunicacións relevantes.

“Este novo canal permitirá achegar a administración á veciñanza e ofrecer información útil de forma inmediata”, sinala o alcalde, Ángel Moldes. A través deste canal, o Concello aposta por ampliar as vías de contacto coa poboación, adaptándose aos novos hábitos de consumo informativo e facilitando un acceso máis inmediato ás novas e avisos municipais. Trátase dunha canle unidireccional, pensada para garantir que a información chegue de forma clara e ordenada, respectando en todo momento a privacidade das persoas usuarias.

Para unirse ao canal oficial é preciso facer clic no enlace whatsapp.com/channel/0029VbCUhv11Hsq7SVrI3211 ou escanear o código QR habilitado para este fin nos soportes informativos municipais.

Esta iniciativa súmase a outras accións postas en marcha nos últimos dous anos polo Concello para avanzar cara a unha administración máis moderna, accesible e transparente. Entre elas destaca a modernización da páxina web municipal, deseñada para facela máis funcional, intuitiva e dinámica. O novo portal mellora a súa estrutura e recolle todos os servizos e información municipais co obxectivo de prestar unha mellor atención á cidadanía e, ademais, potenciar a súa participación.

Do mesmo xeito, reforzouse a aposta pola actualización constante das redes sociais do municipio, ampliando os contidos e mellorando a súa capacidade informativa. Tamén se puxo en marcha o portal Emprego Poio, que se converteu desde a súa posta en funcionamento nunha ferramenta esencial na promoción e xestión do Servizo de Intermediación Laboral, facilitando o contacto entre persoas demandantes de emprego e empresas.

A estas actuacións engádese o visor urbanístico de Poio, unha ferramenta que permite consultar de forma gratuíta, en cuestión de segundos e desde distintos dispositivos, a situación urbanística de calquera parcela do municipio.

Con todas estas medidas, o Concello de Poio reafirma o seu compromiso coa transparencia, a innovación e a mellora continua dos servizos públicos, apostando por canles e recursos que acheguen a administración á veciñanza e favorezan unha maior participación cidadá.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio