O obxectivo é consolidar o amplo programa de atención e prevención ao que poden acceder todas as veciñas e veciños do municipio. Inclúense atención social, psicolóxica, fisioterapeuta, voluntariado así como préstamo de material ortoprotésico, de pelucas e prótesis, etc.
O Concello de Poio e a AECC renovan o convenio de colaboración co obxectivo de consolidar o amplo programa de atención e prevención, ao que poden acceder todas as veciñas e veciños do municipio.
Un convenio que en 2023 facilitou 376 intervencións e no que vai de ano, entre xuño e setembro, xa suma 232 e 42 persoas atendidas. A Xunta de Goberno aprobou na sesión deste mediodía a xustificación da subvención prevista que presentou a asociación e, polo tanto, aprobouse tamén proceder ao pago da subvención, que ascende a 800 euros.
Deste xeito, Concello de Poio e AECC únense para loitar contra a doenza e as súas repercusións, tanto físicas como psíquicas e sociais, e ofrecer unha atención especializada e na proximidade a enfermos e familiares, tanto na sede da asociación como nos domicilios dos enfermos e as súas familias máis vulnerables en situación de enfermidade avanzada ou terminal ou no hospital no que poidan estar ingresados os doentes.
Entre as actuacións que se ofrecen desde a asociación inclúese información e asesoramento sobre a enfermidade cancerosa e as súas posibles terapias, xestión das axudas sociais e económicas con carácter de urxencia e puntuais, préstamo de material ortoprotésico, pelucas e prótesis, atención psicolóxica individualizada ao enfermo e familiares, servizo de fisioterapia e recuperación funcional e voluntariado e xuventude.
O Concello de Poio destinou neste ano 2024 preto de 5.000 euros a subvencións para as entidades sociais. Así, ademais da AECC, tamén se inclúen as asociacións Amencer, Alba, Amizade, Xuntos, Persoas Xordas de Pontevedra e Solidaridade Galega co Pobo Saharaui.