O prazo para presentar xa está aberto ata o luns, día 2 de xuño, a través da sede electrónica do Concello de Poio. Así o acordaron no Consello Municipal de Deportes que se reuniu onte pola tarde.
O Concello de Poio convoca os Premios ao Deporte San Xoán para recoñecer a traxectoria e os éxitos das deportistas femininas e masculinos durante a tempada actual, así como o traballo de clubes e asociacións con actividade deportiva no municipio.
O Consello Municipal de Deportes reuniuse onte pola tarde para aprobar as bases que rexerán a elección das persoas gañadoras destes distintivos, que se van entregar o domingo 22 de xuño, no inicio das festas do San Xoán.
O prazo para presentar as proposta está aberto ata o luns, día 2 de xuño, na sede electrónica do Concello de Poio. Deberá constar no documento o nome das persoas candidatas e das entidades deportivas propostas, cunha motivación para a súa elección.
A elección dos e das gañadoras nas diferentes categorías terá lugar na sesión convocada polo Consello Municipal de Deportes o vindeiro xoves, 5 de xuño, no que os e as integrantes analizarán as propostas que se presenten. Os criterios que se terán en conta á hora de facer a elección son a situación actual das diferentes modalidades, entendendo as limitacións e características de cada unha; a superación de resultados de anos precedentes; valoración por éxito individual e colectivo; logros a nivel provincial, autonómico, estatal, europeo ou mundial; consecucións de logros non acadados en anos anteriores; ascenso a categorías superiores; representacións de deportistas locais en clubs de primeira liña; recoñecemento do traballo, voluntariedade, promoción e implicación como eidos fundamentais para fomentar o deporte no noso municipio, así como fóra del; e número de licencias das diferentes modalidades deportivas.