O Concello de Poio aproba definitivamente o Orzamento municipal para 2026, que supera os 16M€

10/02/2026

“Este orzamento fala de estabilidade, de responsabilidade e dun proxecto claro de concello”, destaca Ángel Moldes.

O pleno municipal aprobou definitivamente o Orzamento do Concello de Poio para o exercicio 2026, tras a desestimación das alegacións presentadas durante o período de exposición pública. A decisión adoptouse de acordo co informe técnico elaborado especificamente pola Intervención municipal, que avala a legalidade, coherencia e adecuación das contas á normativa vixente.

As contas, que superan os 16 millóns de euros, consolidan unha clara aposta polos servizos sociais, os investimentos transformadores e as medidas de alivio fiscal dirixidas ás familias.

O alcalde, Ángel Moldes, sinala que “a aprobación definitiva deste orzamento demostra que estamos ante unhas contas sólidas, responsables e ben fundamentadas, avaladas polos informes técnicos municipais e pensadas para dar estabilidade e continuar a transformación do Concello de Poio”.

Durante a sesión, o rexedor explicou que as alegacións foron analizadas con detalle polos servizos municipais e desestimadas atendendo aos criterios recollidos no informe da Intervención, ao non alterar nin desvirtuar os principios básicos dun orzamento que cumpre cos requisitos legais, cos obxectivos de estabilidade e co interese xeral da veciñanza.

“Este orzamento non só fala de números ou de obras; fala tamén de persoas. Blinda os servizos sociais, aposta por investimentos de futuro e demostra que é posible avanzar con responsabilidade, sen deixar a ninguén atrás”, afirma Moldes.

ALIVIO FISCAL E RESPONSABILIDADE NA XESTIÓN

O Orzamento de 2026 consolida tamén a rebaixa do tipo do Imposto de Bens Inmobles do 0,47 ao 0,43, o que supón unha redución de ingresos municipais de preto de 250.000 euros, así como a conxelación do resto de impostos e taxas municipais.

MODIFICACIÓN DA RPT PARA MELLORAR A EFICIENCIA E ORGANIZACIÓN DO CONCELLO

Na sesión plenaria desta mañá tamén se aprobou de xeito definitivo a modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Poio, co fin de mellorar a eficiencia e organización dos empregados municipais. A corporación desestimou as alegacións presentadas, de conformidade cos informes técnicos e xurídicos. A modificación da RPT inclúe unha praza nova de técnico de cultura e deporte, respondendo así á necesidade de pasar dunha xestión cultural reactiva e deportiva a unha planificación estratéxica, profesional e transversal, para potenciar a cultura e o deporte como motor de cohesión social, identidade local e dinamización económica. Ademais, inclúe tamén o posto de técnico en xestión ambiental, con competencias en materia de medio ambiente.

Na área de seguridade, dótase dunha praza máis de oficial de policía local, coas mesmas funcións, condicións de traballo e retribucións que a xa existente no cadro de persoal.

CONVENIO CON PORTOS DE GALICIA PARA PESCA DEPORTIVA

Por último, aprobouse o Convenio de cooperación entre Portos de Galicia e o Concello de Poio, que permite ampliar os espazos para pesca deportiva e con caña en Raxó, Combarro e Campelo, neste último caso establecendo días e horarios permitidos: de luns a venres de 17.00 a 07.00 horas e sábados e domingos durante todo o día, sempre coa limitación da prioridade da operativa propia do tráfico de pasaxe e outros.

A través deste convenio, o Concello de Poio asume a vixilancia, medidas preventivas, control, aplicación e cumprimento polos pescadores, así como a sinalización e valado das zonas

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio