O CONCELLO DE POIO AGRADECE A ONDA DE SOLIDARIEDADE DA VECIÑANZA COA RECOLLIDA DE ALIMENTOS E DE XOGUETES

13/01/2024

2023,

A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, amosa o seu agradecemento á onda de solidariedade que a veciñanza de Poio está demostrando nestas semanas previas ao Nadal en cada unha das iniciativas benéficas que se están organizando, ben a través do propio Concello de Poio como de diferentes colectivos e asociacións, e que permitirán repartir alimentos e xoguetes entre familias en situación de especial vulnerabilidade do municipio.

“Poio é un concello moi comprometido, así o ten demostrado en numerosas ocasións durante todo o ano, pero é certo que nestas últimas semanas toda a veciñanza estase involucrando e colaborando de xeito moi especial”, sinala Torres.

Esta mesma mañá a concelleira recibiu do CEIP de Lourido un gran lote de alimentos non perecedoiros que o alumnado recadou no seu Mercadillo Benéfico, no que cambiaron as súas propias creacións e accesorios por lotes de comida. E, tamén nesta xornada, os organizadores da Andaina Benéfica Ruta dos Pobos entregaron xoguetes, doces de Nadal e alimentos que os participantes entregaron no momento da recollida dos seus dorsais.

Estas dúas accións solidarias súmanse á campaña posta en marcha polo Concello de Poio para que ningunha crianza quede sen xoguetes, que foi un éxito de participación e que permitirá que en Poio ningún neno perda a ilusión por estas festas. De feito, estes días están preparando todas as doazóns para repartir entre as familias nos días previos ao Nadal. 

Por último, recorda Natividad Torres que hai só unha semana os servizos sociais recibiron tamén lotes de comida doada pola Sociedade Cultural e Deportiva de Samieira tras o seu Festival Benéfico e, nos próximos días, tamén farán entrega do recadado nas Caixas da Ilusión promovidas por Moura teatro e a batucada Os Queimatasas.

“Podemos presumir da xenerosidade dos nosos veciños, temos un concello moi implicado, ao que lle gusta axudar e co que sempre se pode contar”, conclúe.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio