Ángel Moldes subliña os esforzos que vén facendo o novo Goberno para solucionar a escaseza de estacionamento, con máis de 500 prazas creadas en todo o concello e reitera o compromiso de “mellorar a vida da xente, resolvendo os seus problemas e construíndo un Poio mellor, con máis servizos e calidade de vida”.
O Concello de Poio vén de crear un novo aparcamento disuasorio no Covelo, na parroquia de Samieira, con capacidade para preto de 50 vehículos.
O Goberno local chegou a un acordo cos propietarios desta parcela, de algo máis de 1.100 m² de superficie, para poñer a disposición da veciñanza e dos visitantes medio centenar de prazas de estacionamento libre e gratuíto cun máximo de 24 horas continuadas, para garantir a rotación.
O novo aparcamento ten acceso desde a rúa Peirao do Covelo e atópase nunha ubicación estratéxica, xa que está situado xunto a unha vía de moito tránsito, a PO-308, e nunha área de alta densidade de poboación e de gran interese turístico, como O Covelo.
O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Urbanismo e Turismo, Rocío Cochón, comprobaron esta mañá in situ o resultado das actuacións, e coincidiron en que a dotación de estacionamento é un importante impulso á mobilidade e á actividade desta zona, “tanto para os moitos veciños e veciñas, os establecementos de hostalaría, hospedaxe ou comercios, pero tamén para todas as persoas que visitan os recursos turísticos de primeira que ofrece este lugar de Samieira, especialmente en verán”.
Así, o novo estacionamento está pegado á praia Area da Barca e sitúase a menos de 500 metros do Peirao do Covelo e da popular Senda do Laño, un itinerario moi popular entre veciños e visitantes galardoado por primeira vez este ano co distintivo “Sendeiro Azul” da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).
Moldes apuntou que un dos principais problemas que atopou o actual Goberno local á súa chegada foi a falta de aparcamento en practicamente todo o termo municipal, “e levamos facendo un importante esforzo para ampliar este servizo desde o primeiro momento”.
Nese sentido, recordou que nos últimos meses habilitáronse ou están en trámites de facelo máis de 500 prazas de aparcamento en zonas de todo o Concello: “Mellorar a vida da xente resolvendo os seus problemas e construír paso a paso un Poio mellor, con máis servizos e calidade de vida. É o noso compromiso e seguimos traballando nel sen pausa”.
Cochón destacou a necesidade de “ampliar servizos e impulsar a sustentabilidade, a mobilidade e a seguridade viaria como forma de mellorar o entorno e a calidade de vida da veciñanza e de quen nos visita”.
“Unha praza de estacionamento libre pode ser un espazo pequeniño pero soluciona grandes problemas. Unha praza de aparcamento é un veciño que pode ir a casa e desfrutar da familia ou do lecer, é un cliente dun comercio, un usuario da restauración e a hostalería, un hóspede dos nosos establecementos turísticos… desfrutando de todo o que ofrece Poio”, subliñou, indicando que tamén é “un vehículo menos na estrada, e máis se se trata dunha cun tránsito como a PO-308”.