Ademais, solicita unha subvención de 43.000€ á Xunta para contratar seis socorristas para as praias.
O Concello de Poio contratará a 22 persoas en situación de desemprego a través do plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra. Unhas incorporacións para as que se destinan 234.075,45€ e que, segundo sinala o alcalde, Ángel Moldes, permitirán reforzar diferentes departamentos e servizos municipais que precisan máis persoal ou que realizan traballos estacionais, pero ademais, tamén se lle dará unha oportunidade laboral a veciñas e veciños que están na procura de emprego.
A través deste plan de emprego, contrataranse dous traballadores de ciclo superior de Turismo para reforzar durante sete meses as tarefas de información, guía e asistencia.
Para revalorizar os espazos públicos e protección do medio ambiente, contrataranse dez persoas. Cinco operarios para servizos múltiples (praias e obra pública) ocuparanse de adecentar e manter espazos públicos, desenvolver tarefas de rehabilitación e desbroce de roteiros municipais, limpeza e desbroce de camiños e sendeiros e limpeza e mantemento de praias. A maiores, incorporaranse tres condutores e dous electricistas, nos catro casos deberán ser oficiais de primeira. A duración destes contratos oscilarán entre os catro e os nove meses.
Tamén se reforzará o persoal de limpeza con catro contratos e de conserxes con tres persoas para mellorar o funcionamento e reforzar a limpeza dos centros de traballo e instalacións deportivas municipais. A duración destes contratos será de nove meses.
Para apoiar aos servizos sociais incorporarase unha auxiliar de clínica durante tres meses e un traballador social cun contrato de nove meses. Este departamento desenvolve unha importante labor polo gran número de usuarios que se benefician dos servizos sociais no municipio e estes perfís reforzarían a atención e o apoio que se presta.
Por último, para apoiar o servizo de cultura municipal contratarase un animador sociocultural-técnico de cultura durante nove meses, un posto necesario para mellorar a prestación dos servizos nesta área, que conta cunha gran cantidade de eventos e programación ao longo do ano
As persoas candidatas deberán estar en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes nas categorías profesionais que se solicitan. O SEPE será o encargado de facer a preselección dos aspirantes.
SOCORRISTAS
A maiores destas contratacións, o Concello de Poio tamén solicitou unha axuda da Xunta de Galicia para contratar a seis socorristas durante os meses de verán, para dar servizo ás praias de Cabeceira e Siorto. Os importes destas contratacións ascenden a 42.222€, dos que a Xunta subvencionaría, como máximo, un 90% dos custos ata un máximo de 40.000 euros.