Ángel Moldes recorda que para este Goberno “as familias son unha prioridade, estamos empeñados en facer de Poio un concello cómodo para vivir, con máis oportunidades e con mellores servizos”.
O Concello de Poio anuncia o aumento a 2 euros por neno e menú as axudas que outorga para financiar os comedores escolares do municipio. Así o trasladou o alcalde, Angel Moldes, ás representantes das ANPAS nunha reunión previa á comisión de Economía e Facenda, que se realizou esta mañá, e na que tamén se deu conta desta modificación no convenio.
Segundo este convenio, ata o de agora as familias recibían unha axuda de 1,50 euros por comida e alumno, unha cantidade que aumenta en 0,50 euros máis e que permite reducir de xeito importante as tarifas que pagan por facer uso deste servizo de conciliación que funciona nos colexios de Chancelas, Lourido e Isidora Riestra. Neste momento hai preto de 200 nenos inscritos nos comedores, aínda que esta cifra é variable ao longo do curso dependendo das necesidades familiares en cada momento.
Moldes recorda que para este Goberno “as familias son unha prioridade, estamos empeñados en facer de Poio un concello cómodo para vivir, con máis oportunidades e con mellores servizos”. Neste senso, subliña que os comedores escolares “son un servizo de conciliación fundamental para as familias do noso concello, e por iso desde o Goberno entendíamos que era necesario ampliar estas axudas”.
Unha vez aprobado este aumento, esta nova axuda será efectiva a partir de abril, seguindo os trámites administrativos correspondentes. O pago, como ata o de agora, farase directamente ás Anpas, que a repercuten no prezo que cobran a cada familia polo uso deste servizo, ben sexa a través de días soltos ou de xeito continuado.
Por último, Moldes pon en valor que ademais destas axudas, tamén contan con outro tipo de iniciativas para mellorar a vida das familias, como por exemplo, os programas concilia, bonificacións no IBI para familias numerosas, a nova unidade de atención temperá con terapias totalmente gratuítas para as familias con nenos menores de 6 anos, novas zonas de ocio, lúdicas e deportivas, etc. “Sabemos que as familias necesitan espazos, servizos, iniciativas e medidas de apoio para mellorar a súa calidade de vida. E por iso, teñen o noso compromiso de que estamos traballando para facer de Poio un concello dinámico, de futuro e pensado para as familias”.