O Concello adxudica a recuperación da contorna e mellora da mobilidade peonil entre Casalvito e O Padrón, cun orzamento de 668.000€

02/07/2025

O proxecto está financiado integramente pola Deputación de Pontevedra. Ángel Moldes destaca que se trata dunha actuación estratéxica que aposta por un modelo de vila sostible, accesible e pensado para as persoas

O Concello de Poio vén de adxudicar as obras para recuperar a contorna e mellorar a mobilidade peonil entre Casalvito e O Padrón, cun orzamento de licitación de 667.822,99 euros.

Un total de catro empresas presentaron ás súas ofertas para un proxecto que será financiado integramente pola Deputación de Pontevedra. A empresa de construción EC Casas foi a que recibiu maior puntuación. Unha vez adxudicado, nos próximos días a empresa deberá presentar un plan de seguridade e a acta de comprobación do replanteo para iniciar coas obras coa maior brevidade. O prazo de execución é de oito meses.

O alcalde, Ángel Moldes, destaca que vai transformar o espazo público para facelo máis amable, accesible, sostible e seguro. Así, inclúe unha actuación integral nas rúa Cela e na rúa Padrón, na parroquia de Combarro, e na travesía de Casalvito, en San Xoán, e os seus tres ramais, con renovación do pavimentado en toda a superficie de intervención, eliminando todas as barreiras arquitectónicas e creando unha plataforma única, dotación de servizos, iluminación LED, soterramento de instalacións de subministros e sinalización.

Estas rúas conectan as parroquias de San Xoán e Combarro, con grande interese tanto veciñal, para servizos sanitarios, alimentarios…, como turístico, ao situarse ao carón do casco histórico de Combarro e ser paso da variante espiritual do Camiño de Santiago. Mellora tamén o acceso á praia do Padrón, así como do conxunto histórico e pon en valor este espazo utilizando materiais máis sensibles coas contornas tradicionais, onde existen elementos con grande interese cultural e patrimonial, como son os cruceiros, lavadoiros…

Moldes sinala que “este é un proxecto que encaixa perfectamente coa nosa aposta por un modelo de desenvolvemento sostible, que protexa os valores paisaxísticos, patrimoniais e culturais, e que poña o espazo público ao servizo das persoas. Estamos traballando para consolidar a transformación de Poio como un municipio moderno, amable e con calidade de vida”.

Neste sentido, o alcalde recordou que “só en 2025 conseguimos atraer máis de 12 millóns de euros doutras administracións para proxectos estratéxicos no municipio, unha cifra que se aproxima ao orzamento anual do Concello de Poio, que rolda os 14 millóns de euros”. Segundo indicou, isto “demostra a nosa capacidade de xestión, planificación e negociación, e avala que Poio está hoxe no seu mellor momento”.

Entre os proxectos previstos para este ano, Moldes destacou outras actuacións coma a transformación da Barca, a humanización de Campelo á Seara, a senda entre Chacelas e Combarro, novos parques infantís en Ánkar e Costa Xiráldez, unha pista multideportiva en Vilariño, melloras nas instalacións deportivas, investimentos en saneamento, o impulso ao polígono industrial de Fragamoreira, e a mellora de camiños municipais en todas as parroquias, cumprindo compromisos históricos.

“Todo isto demostra que Poio non só está a crecer, senón que o está facendo con planificación, con respecto pola súa identidade e pensando no benestar da veciñanza”, conclúe.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio