A Aula Cemit de Combarro programa para o mes de xaneiro os cursos de memoria para persoas maiores, iniciación á informática, deseño de carteis e folletos e follas de cálculo con LibreOffice.
O Concello de Poio completou con éxito un novo curso avanzado de Capacitación Dixital dirixido a persoas en situación de desemprego, unha formación gratuíta que se desenvolveu na Reiboa no último trimestre do ano.
En total, o alumnado superou as 200 horas de formación, estruturadas en cinco módulos de 40 horas cada un, acadando o nivel superior en competencias dixitais, tras ter superado tamén con éxito os niveis inicial e intermedio que se impartiron ao longo do último ano e medio. Esta formación conta, ademais, coa convalidación oficial como formación profesional nestes coñecementos, o que supón un importante valor engadido para as persoas participantes.
Así o explicou a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González,que destacou “o esforzo, a implicación e constancia” do alumnado ao longo do curso.
Esta formación enmárcase no proxecto DIXIGAL, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Poio e financiado con fondos europeos. O contido formativo incluíu análise da información dixital, creación de contidos dixitais e programación, comunicación e colaboración mediante ferramentas dixitais, resolución de problemas na contorna dixital e seguridade e civismo na contorna dixital.
Desde o Concello destacan que estes coñecementos supoñen “unha gran oportunidade para as persoas participantes, permitindo mellorar as súas competencias dixitais e aumentar as oportunidades laborais”. Ademais, Maritxe González recordou o compromiso do Goberno lcoal coa formación e a capacitación continua: “traballamos para seguir ofrecendo todas as ferramentas e recursos necesarios que axuden a ampliar coñecementos e mellorar as oportunidades profesionais da veciñanza”.
PROGRAMACIÓN DA AULA CEMIT PARA XANEIRO
Por outra banda, a Aula Cemit de Poio, situada en Combarro, programa para o mes de xaneiro os cursos de memoria para persoas maiores, iniciación á informática, deseño de carteis e folletos e follas de cálculo con LibreOffice. Máis de cincuenta horas de formación gratuíta para as que as persoas interesadas se poden inscribir na propia aula, situada na Casa do Campo, no teléfono 986 770 001 (Ext. 1321) ou no enderezo electrónico cemit.poio@xunta.gal.
A actividade “Exercita a túa memoria” desenvólvese todos os luns, de 16.30 a 18.00 horas. Trátase dunha actividade na que os participantes traballan o estímulo mental, a percepción visual e a motricidade fina a través de xogos como puzzles, debuxos ou exercicios con cores.
“Iniciación á informática” impártese do 14 ao 30 de xaneiro, excepto os luns 19 e 26), en horario de 16.30 a 18.00 horas. O obxectivo é que o usuario obteña os coñecementos básicos para manexar un ordenador, desde o acendido e apagado, o uso do rato, familiarización coa contorna gráfica, uso de arquivos e carpetas, etc.
Do luns 12 ao venres 23 de xaneiro, excepto o martes 13, celebrarase o curso “Deseño de carteis e folletos”. O alumnado aprenderá como crear carteis, folletos e outros deseños coma currículums, mediante as aplicacións máis utilizadas para o deseño de cartelaría, folletos e outros formatos de impresión. Xunto con estas creacións, poden levar estas composicións combinando o uso de software de procesado de textos ou de presentacións, creando traballos máis visuais e orixinais.
Por último, do luns 26 de xaneiro ao venres 6 de febreiro, excepto o venres 30, realizarase o curso “Iniciación ás Follas de Cálculo con LibreOffice Calc”. As follas de cálculo son, xunto co procesador de texto, unha das aplicacións máis empregadas, xa que se poden crear documentos que realizan cálculos de xeito automático e permiten a súa impresión, polo que son moi utilizadas na contabilidade, facturación e almacén, sendo unha ferramenta indispensable para o traballo de oficina.
O usuario ao finalizar este curso coñecerá o funcionamento e os conceptos de traballo dunha folla de cálculo, poderá aplicar fórmulas de cálculo, modificar unha folla de cálculo e crear documentos con varias follas, así como gardar e imprimir os resultados.
Ademais, calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula a través da Aula Aberta, sempre con cita previa e en horario de luns a venres, entre as 19.30 e as 21.00 horas. As asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realización de actividades.