“O alcalde, máis preto de ti” arranca unha nova tempada para achegar a atención directa a todas as parroquias de Poio

22/09/2025

Durante o ano pasado, preto de 500 persoas se achegaron aos centros municipais para expoñer inquedanzas, facer propostas ou simplemente ser escoitadas.

O Concello de Poio retoma este mes de outubro unha das iniciativas mellor valoradas e máis utilizadas pola veciñanza: “O alcalde, máis preto de ti”, un programa que leva a alcaldía a todas as parroquias do municipio, ofrecendo atención directa, sen cita previa, a todas as persoas ás que, pola razón que sexa, lle resulta máis complicado achegarse ata a Casa do Concello.

O obxectivo é fomentar a participación cidadá e achegar a administración local, a atención e o contacto directo á veciñanza desde San Xoán a San Salvador, Campelo, Combarro, Samieira e Raxó. Non todas as persoas poden achegarse ata a Casa do Concello, pero todos merecen ser escoitados. Esta iniciativa rompe barreiras, achega a administración á rúa e constrúe un Poio onde a participación cidadá é real”, destaca o alcalde, Ángel Moldes. Neste senso, explica que aínda que cada día desde o Goberno local percorren as rúas, se reúnen con colectivos e atenden aos veciños na Casa do Concello, “é importante ofrecer tamén a cada veciño un lugar próximo ao seu fogar onde poder falar, escoitar as súas propostas e atender as súas demandas”.

Así, rematado o verán, o programa “O alcalde, máis preto de ti” ten xa confirmado o calendario do mes de outubro: o mércores, día 1, no Pazo Besada, de 10.00 a 13.00 horas; o luns 6, o alcalde estará atendendo no Local Social de Campelo, no mesmo horario; na Escola do Campo de Combarro, a atención á veciñanza será o luns 13; no Espazo Municipal de Tarrío, en Samieira, o xoves 23; e, por último, en outubro a alcaldía trasladarase a Raxó, ao Centro Cultural Xaime Illa, o luns 27. “Aproveitamos a rede de locais municipais para ofrecer unha atención máis próxima. Espazos cómodos e accesibles pero, sobre todo, preto da xente”, engade.

Durante o ano pasado, esta iniciativa permitiu manter encontros individuais con preto de 500 persoas en todas as parroquias, que se achegaron aos centros municipais para expoñer inquedanzas, facer propostas ou simplemente ser escoitadas. “Os veciños responderon con interese, con ideas concretas e tamén co desexo de participar na mellora do noso concello, conclúe.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio