Ángel Moldes amosou o espazo novo aos participantes do programa Saudemente en Combarro. Tamén se fixeron labores de mantemento no parque infantil.
O Concello de Poio instalou un novo parque biosaudable no lugar da Renda, en Combarro, dando resposta así a unha demanda da veciñanza. Deste xeito, creouse unha área de exercicios ao aire libre que inclúe seis aparatos de ximnasia, desde equipos de quentamento, exercicios, movementos e coordinación.
O alcalde, Ángel Moldes, amosou este espazo novo ás persoas que participan no programa de Saudemente en Combarro, unha actividade destinada para maiores de 60 anos e que se organiza de xeito itinerante por todas as parroquias con actividades para exercitar a memoria e ximnasia para manterse activos.
Durante a visita, Moldes destacou que este tipo de espazos combinan actividade física co contacto coa natureza, contribuíndo de xeito directo no estado de ánimo, proporcionando unha sensación de benestar que contribúe a reducir síntomas de estrés, ansiedade ou depresión. “Permite ás persoas realizar movementos para mellorar a súa condición física e saúde, pero tamén para o seu disfrute e recreación nunha contorna excepcional”. Ademais, recordou que “tiñamos un compromiso firme coas veciñas da Renda, e hoxe esta área biosaudable é xa unha realidade”.
Calquera persoa pode facer uso das máquinas de exercicios, pero as persoas maiores son as que máis beneficios obteñen do seu uso, posto que os biosaudables están deseñados para complementar tratamentos de rehabilitación, axudan a combater o envellecemento, reducen problemas cardíacos, entre outros beneficios.
Ademais da creación deste parque biosaudable, o Concello de Poio tamén fixo traballos de restauración e conservación do parque infantil que hai nesta contorna. Un mantemento que consistiu no arranxo de todas as pezas de xogo, pintado e cambio de pezas en mal estado.