Ángel Moldes: “supón un auténtico alivio para os veciños, un servizo fundamental e necesario nunha parroquia que arrastra desde hai xa moito tempo problemas moi importantes de estacionamento”.
O Concello de Poio inaugurou esta mañá o novo aparcadoiro disuasorio público e gratuíto no centro de Combarro, unha parcela situada na rúa Maceira que, segundo indicou o alcalde, Ángel Moldes, “supón un auténtico alivio para os veciños de Combarro, un servizo fundamental e necesario para dar resposta á alta demanda que existe nesta parroquia que arrastra desde hai xa moito tempo problemas moi importantes de estacionamento”.
Durante a inauguración do novo aparcadoiro, que está situado ao carón do Centro Médico e da zona comercial e a uns metros do casco histórico, Moldes explicou que foi un traballo moi intenso e longo, xa que o Concello de Poio tivo que negociar durante meses e con moitos propietarios diferentes para alugar ata 25 parcelas e facer realidade este parking. A todos eles, amosou o seu agradecemento por facelo posible.
“Un aparcadoiro que quere facerlle o día a día máis cómodo á veciñanza de Combarro, que sufría un auténtico calvario para poder aparcar os seus vehículos, tendo que camiñar máis de un quilómetro ata as súas casas ou incluso tendo que renunciar a achegarse a mediodía a comer pola dificultade para atopar sitio onde estacionar”, destacou.
Así, esta nova bolsa de aparcamento se divide en tres zonas. A primeira, P1, está destinada para que os residentes do concello poidan estacionar os seus vehículos durante 24 horas ininterrompidas. A segunda área, P2, é aparcamento xeral, no que os residentes poden estacionar igualmente 24 horas e o resto, un máximo de 10 horas. A última zona, P3, está reservada de xeito exclusivo para os residentes do casco antigo.
O aparcadoiro inclúe tamén zonas reservadas para carga e descarga coas que dar saída aos comercios e negocios desta zona, e evitar os atascos que xeraban as empresas de loxística durante o reparto. Ademais, a apertura deste aparcamento permite dobrar as prazas reservadas para motos na rúa Maceira e limitar o aparcamento a un máximo de tres horas na parcela da rúa Pedaporta, ao carón do Centro de Saúde.
Entre este novo aparcadoiro, o disuasorio da rúa Pedaporta e o convenio asinado co Porto da Canteira, o Concello de Poio pon a disposición da veciñanza 6.000 metros cadrados para estacionar. Precisamente, ampliar as prazas de aparcamento en todo o municipio é un dos obxectivos do Goberno de Ángel Moldes, consciente de que “é unha das grandes problemáticas que afectan ao día a día da veciñanza. Era unha reclamación que fixemos durante os nosos anos na oposición, e como Goberno demostramos que con gañas e traballo era posible facelo”.
Nos últimos dous anos ademais dos de Combarro, puxéronse a disposición da veciñanza aparcamentos disuasorios en Anafáns, na Finca de Cocacola e na rúa do Adro.