Entre os servizos que poden atopar no Concello de Poio inclúese formación, titorización personalizada, asesoramento na creación de empresas, con modelos de negocio, plan de empresa… así como apoio na xestión dos trámites para a posta en marcha do proxecto.
No día Internacional da Muller Emprendedora, desde o Concello de Poio animan a visitar as oficinas municipais para presentar as súas ideas empresariais e recibir asesoramento sobre a súa viabilidade. A concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, destaca que “contamos con grandes profesionais que estarán encantadas de escoitar as ideas e amosarlles ás emprendedoras de Poio todos os recursos existentes no territorio en materia de financiamento e apoios de todo tipo, de cara ao inicio dun camiño cheo de posibilidades”.
Nesta liña, a edil recorda que o Concello de Poio forma parte do Mapa de Emprendemento da Xunta de Galicia como punto de referencia e de asesoramento para as persoas que queren poñer en marcha o seu negocio. “En Poio hai moitas mulleres emprendedoras que son referentes polos seus proxectos de negocio e pola súa traxectoria, e estamos convencidas de que hai outras moitas que teñen ideas fantásticas, viables, que só precisan un último impulso para sacalas adiante”, engade.
Este Mapa de Emprendemento reúne a entidades, axentes,redes e recursos de emprendemento existentes en Galicia, ofrecendo apoio na xeración de emprego de calidade, fomentando o emprendemento a través de iniciativas innovadoras e atractivas que impulsen a creación de novas empresas no territorio.
Entre os servizos que poden atopar no Concello de Poio inclúese formación, titorización personalizada, asesoramento na creación de empresas, con modelos de negocio, plan de empresa… así como apoio na xestión dos trámites para a posta en marcha do proxecto. Ademais, tamén se organizan ao longo do ano eventos, xornadas e outras actividades de sensibilización e motivación.