Nace o Internacional de Xadrez APECR, que se disputa o 6 de xullo en Raxó

30/05/2024

Aberto o prazo para inscribirse en xadrez-apecr.com. Un torneo aberto e inclusivo para toda a cidadanía.

Poio acolle o próximo 6 de xullo o Internacional de Xadrez APECR 2024, que se disputará no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó. Un torneo aberto para toda a cidadanía, non só para todas as idades, senón que ademais será totalmente inclusivo, xa que disporá de material adaptado para xogadores con discapacidade visual que lle permitirá competir na mesma modalidade que o resto de participantes.

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Mocidade, Tamara González, mantiveron esta mañá unha reunión para ultimar os preparativos cos organizadores do evento, Dan Cruz, Luís Fraga e Pablo García. O director do torneo, Luis Fraga, explica que este torneo nace cun dobre obxectivo: por unha banda, actualizar e recuperar o Open Concello de Poio que se facía a principios dos 2000, que era un torneo internacional de nove días moi importante do Circuíto Galego. E, por outra, facerlle unha homenaxe ao seu amigo Alberto Eyo Castro-Rial, con lazos importantes que o vencellan a Poio e a Raxó, que finou hai uns meses e que era un rapaz moi coñecido e querido na comunidade xadrecista galega. É por iso que o torneo leva as súas iniciais no nome.

Pola súa banda, Pablo García, director da Escola de Xadrez de Pontevedra e último campión do Open Concello de Poio que se celebrou en 2003, recorda que este deporte “ten beneficios demostrados para a rapazada en idade escolar, pero tamén a nivel cognitivo para os maiores. Por iso resulta fantástico o encontro interxeracional e ver xogar nenos con maiores. Esperamos que sexa unha semente que permita recuperar en Poio a afección polo xadrez”.

O alcalde, Ángel Moldes, puxo en valor “a importante iniciativa, que estou convencido de que vai ser o primeiro pulo para implicar e espertar a afección polo xadrez no noso municipio, pero é que ademais é un torneo totalmente inclusivo, que facilita a participación de todas as persoas sen excepción”.

O Internacional de Xadrez APECR 2024 é un torneo oficial da Federación Galega de Xadrez. Válido para ELO FIDE de ritmo rápido, e constará de 9 roldas 10’+5″ en sistema suízo que se disputarán todas o sábado 6 de xullo, catro pola mañá e cinco pola tarde. O torneo ten inscrición gratuíta, e está aberto a todos os xogadores e xogadoras con licenza federativa en vigor. Aos xogadores sen licenza que desexen participar no torneo, ofreceráselles a opción de licenciarse este ano co equipo da Escola Xadrez Pontevedra. As inscricións poden facerse a través da páxina web xadrez-apecr.com.

Haberá unha clasificación única absoluta, pero premios e recoñecementos especiais para categorías feminina, Sub-8, Sub-10, Sub-12, Sub-14, Sub-16 e Local, nas que se repartirán máis de 400€ de premios en metálico.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio