MOURA TEATRO E BATUCADA OS QUEIMATASAS ORGANIZAN A GALA SOLIDARIA POIO COLABORA PARA RECADAR ALIMENTOS

12/01/2024

2023.

Unha vez máis, o tecido asociativo do municipio de Poio volve ser exemplo de solidariedade e implicación en favor das persoas máis desfavorecidas, grazas a unha nova iniciativa altruísta impulsada por Moura Teatro e a Batucada Os Queimatasas, en colaboración coa Comunidade de Montes de San Xoán. O vindeiro domingo 7 de maio a sede dos comuneiros, situada na contornada Seca, acollerá a primeira edición da Gala Poio Colabora, un evento que reunirá a varios artistas locais e da contorna co obxectivo de recadar a maior cantidade posible de alimentos para as familias con menos recursos da vila.

Seguindo o modelo doutros citas similares realizadas nos últimos anos, o único requisito para poder asistir a este gran espectáculo, que dará comezo ás 18.00 horas, será realizar unha achega de produtos non perecedoiros. Toda a recadación será entregada ao departamento de Servizos Sociais do Concello, cuxo persoal procederá a realizar o seu reparto entre as familias en risco de exclusión. Como non podía ser doutro xeito, a concelleira responsable desta área, a socialista Rosa Fernández, expresou en nome da Administración local “a nosa máis sincera admiración e agradecemento por esta iniciativa altruísta. Para nós é un orgullo comprobar como desde os propios colectivos locais xorden propostas e actividades pensadas en favorecer a quen máis o precisa”, engadiu a concelleira do Goberno municipal.

A gala contará cunha nutrida participación de artistas, compositores e músicos moi coñecidos pola súa ampla traxectoria. É o caso, por exemplo, de Marietta, que neste mesmo ano tamén deixou patente o seu espírito solidario, ao aproveitar a presentación do seu último disco para organizar unha recollida de alimentos no Pazo de Besada. Tampouco faltará o cantante de Combarro Miguel Martínez, o poiense Yago Martínez, Lidia Alvariñas ou o director da Escola de Acordeóns de Campelo, Juan José Mariño. Está confirmada a presenza, asemade, doutros artistas como Mar García, Marcos Sabor, Rudi Rudi, Jacob Fuentes e Maruchy e Purita. Outros colectivos que tamén se implican activamente nesta primeira edición de ‘Poio Colabora’ son o Poio Pescamar FS, a Asociación Empresarial EnPoio, Pandeireteir@s do Ronsel e Os Chispas do Lérez.

A concelleira Rosa Fernández recorda a boa acollida que tiveron outras iniciativas similares impulsadas polos organizadores desta gala. Foi o caso, a finais de 2022, da campaña ‘Caixas de ilusión’, a través das cales se recolleron máis de 400 quilos de alimentos entregados pola veciñanza en unidades deixadas para a ocasión en diferentes locais e establecementos das parroquias do municipio. “Estamos seguros de que esta gala, con este espírito de colaboración e co elenco de artistas e grupos que se suman á iniciativa, tamén será todo un éxito”, augura a edil de Servizos Sociais. Pola súa banda, os e as organizadoras inciden na importancia de consolidar este tipo de propostas e iniciativas ao longo de todo ano. “En datas como o Nadal sabemos que son citas máis habituais, pero entendemos que é moi importante manter estas actividades durante os doce meses do ano, porque a necesidade, en moitos casos, é moita”, explican.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio