O concello consolídase como destino da Acción de Verán da Xunta, unha oportunidade para impulsar o ecoturismo e a concienciación ambiental. Desenvolverase entre o 23 de xullo e o 3 de agosto.
O Concello de Poio volverá ser, por terceiro verán consecutivo, sede dun dos campus de voluntariado da Xunta de Galicia, consolidándose como un dos destinos de referencia dentro da campaña Acción de Verán. A través do campo “Costa Azul”, mozos e mozas de toda España participarán en actividades centradas na protección do medio ambiente e na limpeza do litoral.
O éxito das edicións anteriores, nas que se esgotaron todas as prazas dispoñibles, confirma o crecente interese por este tipo de iniciativas que combinan voluntariado, formación e lecer responsable. Nesta ocasión, o campus desenvolverase entre o 23 de xullo e o 3 de agosto e contará con quince prazas para persoas de entre 18 e 30 anos.
O programa inclúe accións de ecolimpeza por terra e mar nas praias de Lourido, Combarro ou Chancelas, así como o uso de ferramentas innovadoras como drons e actividades en caiac e SUP. Estas tarefas complementaranse con obradoiros, visitas culturais e propostas recreativas, configurando unha experiencia completa de aprendizaxe e convivencia.
Os campos de voluntariado teñen como obxectivo fomentar valores como a solidariedade, a participación e o respecto pola contorna. Neste contexto, a protección do litoral cobra especial relevancia ante o aumento da presión turística, facendo imprescindible promover unha maior concienciación ambiental entre a mocidade e o uso responsable dos recursos naturais.
A concelleira de Xuventude, Tamara González, subliña que a celebración deste campus “supón unha oportunidade para Poio. Permite seguir posicionando o noso municipio como un destino atractivo de ecoturismo entre a xente nova a nivel estatal. E contribúe directamente á conservación do noso patrimonio natural, grazas ao traballo voluntario dos participantes”.
González tamén puxo en valor “o compromiso e os valores dunha mocidade que decide dedicar parte das súas vacacións e dos seus recursos a mellorar a contorna”, destacando o impacto positivo que este tipo de iniciativas xeran tanto a nivel ambiental como social.
As persoas interesadas en participar poden facer a súa inscrición a través da páxina web xuventude.xunta.es.