2023.
O Palacete de Besada acollerá este domingo, 26 de marzo, unha cita moi especial, no que a música e a solidariedade irán da man para dar vida a un evento que aspira a acoller a un gran número de asistentes. Será entón, a partir das 17.00 horas, cando teña lugar o acto de presentación do último disco publicado pola artista pontevedresa Marietta, titulado ‘Verde, meiga e Bravía’. Este traballo recolle 12 temas inéditos propios, 11 dos cales foron gravados en galego. Será unha cita moi especial, presentada polo artista e humorista Isi, na que terán lugar diferentes actuacións musicais e no que que as persoas asistentes terán ocasión de axudar ás familias máis necesitadas do municipio, a través da doazón de alimentos non perecedoiros.
Os detalles desta iniciativa, en cuxa organización tamén se implica a Asociación Cultural e Deportiva (ACD) Andaina de Samieira, foron presentados na mañá deste xoves na Casa Rosada pola concelleira de Servizos Sociais, a socialista Rosa Fernández, que estivo acompañada pola propia Marietta: o seu produtor, Félix Cebreiro, e Miguel Ángel Martínez González, en representación da ACD Andaina. Fernández expresou o seu agradecemento tanto á autora do disco como “a todas as persoas que fan posible este evento, que suporá unha axuda moi importante para aquelas veciñas e veciños con menos recursos”. Todos os alimentos se que reúnan no Palacete de Besada serán entregados ao departamento de Servizos Sociais, para o seu reparto entre as familias en risco de exclusión.
Non é a primeira vez que Marietta se involucra neste tipo de iniciativas. “Temos moito que agradecerlle, polo seu interese e a súas gañas e implicación á axudar e participar en eventos solidarios en favor da xente de Poio”, explicou Rosa Fernández, que tamén quixo poñer en valor a implicación do tecido asociativo, representado neste caso na ACD Andaina, que tamén conta con experiencia no que á organización de eventos e iniciativas pensadas para a recadación de produtos alimenticios para as persoas máis necesitadas se refire. “Para nós é un motivo de orgullo moi grande ver como artistas de referencia da bisbarra, como é o caso de Marietta, e a propia veciñanza non dubidan en botar unha man para axudar a quen máis o precisa”, apuntou a responsable da área de Servizos Sociais.
Pola súa banda, tanto Marietta como o resto de persoas encargadas da organización salientaron o “gran espírito solidario que existe entre a veciñanza de Poio”, como así o demostran os grandes resultados acadados noutras campañas e iniciativas similares desenvoltas no pasado. “Estamos convencidos de que será un gran éxito”, apuntaron. Ademais, a artista Marietta destacou o vínculo especial que a une a Poio, onde ten ofrecido un gran número de concertos ao longo de toda a súa traxectoria artística, ao tempo que amosou a súa felicidade por poder facer esta presentación “nun lugar tan emblemático e con canto encanto como é o Palacete de Besada”, que proximamente pasará a acoller a sede de Servizos Sociais, Benestar Social e Mocidade e do Centro de Información á Muller (CIM), logo da transformación acometida a través dunha ambiciosa reforma levada a cabo con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O festival solidario non só contará coa actuación da propia Marietta, senón tamén doutros artistas e grupos da bisbarra que colaboraron na gravación do disco, como son o Grupo Folclórico Soalleira de Dorrón, Vilamariachí, Félix Cebreiro, Puma ou o director da Escola de Acordeóns de Campelo, Juan José Mariño. No Palacete habilitarase un espazo para a venda de exemplares. Os e as organizadoras amosaron o seu agradecemento a todos estes músicos “por acompañarnos nesta iniciativa tan fermosa”.