2023.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), estiveron presentes este sábado nunha xornada moi especial para o tecido deportivo local, ao reabrírense para o seu uso as instalacións deportivas da Reiboa, na parroquia de San Xoán, onde nos últimos meses a Concellería de Deportes promoveu unha actuación de calado para consolidar a este espazo como un dos principais centros neurálxicos do tecido deportivo local.
Tal e como lembrou Caldas, o investimento superou os 200.000 euros e serviu para dotar ao campo de fútbol dunha nova superficie homologada de céspede sintético, homologada pola FIFA para a desputa de torneos oficiais. A mellora tamén incluíu a renovación do sistema de drenaxe e de diverso material, como porterías e bandeirolas nos currunchos. Procedeuse tamén ao arranxo dos vestiarios e a mellorar e habilitar espazos anexos a este terreo de xogo, para os adestramentos dos e das integrantes do Poio Bike Club, para bicicletas BTT, así como unha pista para practicar atletismo.
“Estamos a falar dunha zona deportiva multidisciplinar que acollerá a centos de usuarios e usuarias, integrantes do clubs das nosas Escolas Deportivas que realizarán aquí os seus adestramentos e desputarán partidos de competición”, aseverou Marga Caldas, que incide e recalca que “desde o Concello a nosa filosofía vai a continuar sendo apostar polo deporte como forma de vida saudable e pola dotación deste tipo de infraestruturas e equipamentos”.