Ángel Moldes: “esta carreira popular é tradición e forma parte da historia de Campelo e de todo Poio”.
A tradicional maratón de Fátima celebrarase o sábado 11 de maio en Campelo. O prazo para inscribirse xa está aberto, ata o 7 de maio, a través da Federación Galega de Atletismo en carreirasgalegas.com.
Esta mañá o alcalde Ángel Moldes, o presidente da Federación galega, Iván Pablo Sanmartín, e da AAVV de Campelo, Manuel Ligero, presentaron a proba acompañados de representantes das entidades colaboradoras da carreira, entre os que se atopan os clubes Illa de Tambo e Triatlón Poio, o colexio SEK Atlántico ou Rosa dos Ventos, entre outros.
Ángel Moldes salientou que “como concello nos preocupa apoiar e manter os eventos que están consolidados. Investir en deporte é fundamental, tanto polos hábitos saudables que se potencian como polos valores tan importantes que se difunden”. Nesta liña, recoñeceu que “o maratón de Fátima é tradición e forma parte da historia de Campelo e de todo Poio”. Por iso, asegurou que “o noso compromiso é seguir colaborando con este evento e estamos convencidos de que esta participación da Federación este ano vaille dar un punto máis á proba”.
Tamén fixo referencia ás máis de tres décadas da proba o presidente da Federación galega, Iván Sanmartín, que ofreceu toda a colaboración “porque 35 anos facendo unha carreira popular ten moito mérito, e aínda máis facelo involucrando a tantos colectivos”. Ademais, puxo en valor a importancia de apoiar o deporte, especialmente entre as categorías máis novas. “Van recoller os mellores valores. O deporte sempre é san, non só en saúde física, tamén mental”.
Por último, Manuel Ligero amosou o seu orgullo de que “esta carreira popular, de pobo” celebre xa a súa 35 edición. “É unha carreira para gozar, e confiamos en que esperte grande interese. Sabemos que a experiencia e a colaboración da Federación vai contribuír a darlle un novo impulso”, sinalou.
A CARREIRA
A maratón correrase o sábado 11 de maio en horario de tarde. As inscricións son gratuítas para todas as categorías, desde as chupete ata os maiores de 66 anos. E tamén poden anotarse en relevo mixto, feminino e masculino.
A recollida de dorsais farase o mesmo día da proba, na Praza da Granxa, entre as 16.00 e as 17.30 horas.