Máis de 40 rapaces de 6 a 15 anos terán a súa primeira experiencia co manexo das motos este sábado en Poio

19/05/2025

O programa “Xogade coas motos” da Xunta de Galicia fai na Seca a súa primeira parada na provincia, onde xa se cubriron todas as prazas dispoñibles.

“Xogade coas motos” chega este sábado a Poio, unha oportunidade para que máis de 40 rapaces e rapazas de entre 6 e 15 anos teñan a súa primeira experiencia co manexo das motos de velocidade. O evento forma parte do programa Xogade, da Xunta de Galicia coa colaboración de VF Timing, da Federación Galega de Motociclismo e dos propios concellos.

Desenvolverase na Seca, en horario de mañá e de tarde. A actividade ten como finalidade saber se ao neno lle gusta o deporte do motociclismo, polo que non se trata dunha competición. Os máis pequenos terán acceso gratuíto ás motos, monos e cascos para realizar distintos exercicios de habilidade que serán dirixidos por monitores que valorarán o nivel do pequeno e informarán aos pais do nivel no que se atopan. Trátase dunha primeira toma de contacto que permite que os nenos con inquedanzas polo motociclismo poidan achegarse a este deporte sen que as familias teñan que facer o investimento inicial, así como asesoramento para a súa práctica habitual en escolas, circuítos ou competicións. 

O alcalde Ángel Moldes, o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, e Sandra Fernández, presidenta do Motoclub VFM e coordinadora de Xogade coas motos, presentaron a cita que, no caso de Poio, espertou gran interese ao cubrirse todas as prazas dispoñibles. Ademais, a diferencia doutras citas, no caso deste concello hai máis inscricións das habituais entre a rapazada de 6 a 8 anos. O único requisito é que saiban montar en bicicleta.

Moldes recordou que en Poio hai moita afección polo deporte en todas as súas modalidades e o motor non é unha excepción, tanto a nivel automobilismo como motocicletas. Por iso, entende que esta proposta é unha oportunidade moi interesante para seguir promocionando o deporte e para que toda a cativada teña as mesmas oportunidades para probar o motociclismo de xeito gratuíto, totalmente seguro, sen competición e sen necesidade de que as súas familias invistan cartos nun equipo sen coñecer o interese real do menor.

Xogade coas Motos organízase en nove concellos de toda Galicia, só dous no caso da provincia de Pontevedra, sendo Poio a primeira parada.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio