Máis de 10.000 euros para cofinanciar os comedores escolares de Poio no primeiro trimestre do curso

03/02/2025

Outórgase unha axuda de 1,50 euros por comida e alumno que permite reducir a tarifa que pagan as familias por este servizo de conciliación.

O Concello de Poio aprobou unha axuda de 10.138,50 euros para financiar unha parte dos comedores escolares do municipio durante o primeiro trimestre do curso. Así, no caso do comedor do CEIP de Lourido, que serviu 2.696 comidas entre setembro e decembro, a axuda é de 4.026 euros, mentres que no caso da ANPA do CEIP de Isidora Riestra, con 1.471 menús nestes meses, recibe 2.221,50 euros. Por último, para os usuarios do comedor do colexio de Chancelas, que repartiu 2.594 comidas, a axuda é de 3.891 euros.

Segundo o convenio anual asinado entre o Concello de Poio coas ANPAS, outórgase unha axuda de 1,50 euros por comida e alumno que permite reducir a tarifa que pagan as familias por este servizo de conciliación. Nesta liña, a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, indica que “para este Goberno é unha prioridade contar cuns servizos de calidade que faciliten a compatibilidade de horarios das familias de Poio”, e pon en valor que, ademais destas axudas que repercuten de xeito directo no prezo que asumen as familias, tamén contan con outro tipo de iniciativas, como por exemplo, os programas concilia que durante o verán foron totalmente gratuítos para toda a rapazada que participou neles.

A Xunta de Goberno aprobou na última reunión as axudas para os comedores dos colexios Isidora Riestra e Lourido, mentres que para Chancelas aprobarase na convocatoria prevista para mañá. Este convenio está asinado cos colexios que dispoñen de comedor escolar en Poio. O pago desta axuda faise directamente ás Anpas, que a repercuten no prezo que cobran a cada familia polo uso deste servizo, ben sexa a través de días soltos ou de xeito continuado. Aínda que o convenio é anual, o pago a cada asociación realízase segundo vaian presentando a súa xustificación, de forma que pode ser trimestral, semestral ou ao final do curso, segundo sexa vontade de cada unha delas.

Neste momento os tres comedores escolares contan con preto de 170 nenos anotados, aínda que esta cifra é variable ao longo do curso dependendo da situación e das necesidades de cada fogar.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio