Máis de 1.100 veciños de Poio fixeron uso do Punto Limpo Móbil en 2024, case un 20% máis que o ano anterior

10/01/2025

Con respecto aos voluminosos, recolléronse 1.325 avisos con cita previa, pero ao longo do ano tamén se recolleron moitos enseres abandonados na vía pública sen previo aviso para eliminar puntos de vertido.

O Punto Limpo Móbil do Concello de Poio xestionou durante 2024 máis de 1.100 depósitos, case un 20% máis con respecto ao ano anterior. Unha media de 92 usuarios ao mes, nove máis que en 2023, depositaron residuos neste servizo gratuíto de carácter itinerante polas diferentes parroquias, co que se garante un servizo cómodo e próximo ás vivendas.

Por meses, detectouse un maior incremento de depósitos entre abril e novembro. Neste senso, agosto, con 148 usuarios foi o mes con maior actividade, seguido de xullo, con 123 usuarios, e maio, con 117. Pola contra, xaneiro e decembro, con 55 e 65 depósitos respectivamente, foron os meses nos que a recollida foi menor.

O Punto Limpo Móbil desprázase cada mes polas diferentes parroquias de Poio, desde San Salvador, onde se sitúa no parque de Lourido; ata San Xoán, no aparcadoiro da Reiboa; Combarro, en Chancelas; Samieira, na praza Alfredo Romay Besada; e Raxó, na rúa Leopoldo Nóvoa García. O emprazamento no que se rexistrou unha maior actividade de xeito periódico foi en Combarro, con preto de 350 depósitos. Entre os vertidos que poden depositar os veciños inclúense mobles e madeiras, chatarra, electrodomésticos e aparellos eléctricos, cartón, papel, vidro e plásticos que non sexan envases, lámpadas e fluorescentes, roupa e calzado, pilas, baterías ou cartuchos de impresoras.

O Concello de Poio recorda que o horario de atención ao público do Punto Limpo Móbil é de 10.00 a 14.00 horas. Na páxina web municipal e nas redes sociais do Concello de Poio pódese consultar o calendario do servizo, así como as súas vantaxes e tipos de lixo que se trata. A próxima semana, as persoas que queiran facer uso del poden achegarse ata o aparcadoiro da Reiboa os días 14, 15 e 16 de xaneiro. En San Salvador está o primeiro martes, mércores e xoves de cada mes; en San Xoán, o segundo martes, mércores e xoves; en Combarro, o terceiro martes, mércores e xoves; en Samieira, o cuarto martes e mércores; e en Raxó, o cuarto xoves e venres de mes.

RETIRADA DE VOLUMINOSOS

Ademais do Punto Limpo Móbil, o Concello de Poio tamén ofrece un servizo gratuíto de recollida de voluminosos a domicilio que, en 2024, realizou un total de 1.325 recollidas con cita previa, de xeito que se atenderon unha media de 28 notificacións cada xoves durante o pasado ano. Unhas cifras que tamén se incrementan con respecto aos anos anteriores, rexistrando 64 avisos máis que en 2023. Ademais hai que engadir moitos enseres abandonados na vía pública que foron recollidos para eliminar puntos de vertido.

Os residuos habituais á hora de proceder á súa retirada son colchóns, mobles, electrodomésticos de diferentes tamaños, roupa, chatarra, equipos informáticos… Cómpre recordar que a recollida a domicilio pódese solicitar de luns a venres, de 9.00 a 13.00 horas, no teléfono 986 771 185.

Entre os datos do punto limpo móbil e as recollidas de voluminosos, xestionáronse en 2024 un total de 135 toneladas de residuos aproximadamente.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio