Luz verde do pleno para reforzar os Servizos Sociais do Concello de Poio

26/03/2025

Ampliaron as axudas para os comedores escolares a 2 euros por neno e menú. Aproban unha subvención nominativa a favor de Cristian Fernández Nieto para cofinanciar os gastos derivados da súa carreira deportiva na modalidade de duatlón, así como a favor do IES de Poio, para cofinanciar o proxecto “Rede de centros para a convivencia positiva”.

A corporación municipal do Concello de Poio deu luz verde a reforzar os Servizos Sociais, tras aprobar a modificación da Relación dos Postos de Traballo que permite crear unha nova praza de traballador social con vinculación funcionaria de carreira que, xunto aos dous profesionais cos que xa conta o servizo e á persoa que se vai incorporar a través de fondos provinciais, permitirán que o municipio conte por primeira vez, con catro traballadores sociais para atender á cidadanía.

Foi na sesión plenaria ordinaria de marzo, que se celebrou onte, no que puxeron en valor que a modificación da RPT foi consensuada cos sindicatos e, ademais, tamén modifica o complemento de destino do posto traballador social como xefe de departamento, así como cambio de funcións nas prazas de oficial de primeira de xardinería e de axudante de deportes.

Con respecto á nova praza de traballador social, entre as funcións inclúense prestar atención directa ás persoas a nivel individual, familiar ou comunitario, realizar a xestión e tramitación de recursos e prestacións do sistema de benestar social ou planificar a programación dos recursos e servizos necesarios para atender os problemas e necesidades detectados, entre outros.

Esta decisión, explicou o alcalde Ángel Moldes, permitirá reforzar o servizo, prestar unha atención máis efectiva e reducir o tempo de espera na atención á veciñanza. Así, explican que por primeira vez na historia Poio contará con catro traballadores sociais, o dobre que ata o de agora, nunha clara atención na aposta do Goberno polas persoas, por mellorar o seu benestar e a súa calidade de vida. Unha vez aprobada a modificación da RPT en pleno, iniciarase o proceso de contratación dos novos profesionais para que poidan incorporarse ao servizo coa máxima brevidade.

Tamén por unanimidade do pleno, aprobouse ampliar as axudas que o Concello de Poio outorga para financiar os comedores escolares, unha axuda que se aumenta a 2 euros por neno e menú. Moldes recordou que “era un compromiso deste Goberno” incrementar estas axudas e, así, reducir o prezo que asumen as familias por este servizo de conciliación que funciona nos colexios Isidora Riestra, Lourido e Chancelas.

Outro dos puntos abordados no pleno foi a modificación das subvencións nominativas aprobadas xunto co orzamento, co fin de suprimir a axuda prevista en favor da asociación A Rosa dos ventos motoclub ao non organizarse a edición deste ano, e aprobar unha subvención nominativa a favor de Cristian Fernández Nieto, por importe de 3.000 euros para cofinanciar os gastos derivados da súa carreira deportiva na modalidade de duatlón, así como a favor do IES de Poio, para cofinanciar o proxecto “Rede de centros para a convivencia positiva”, por importe de 2.800 euros. O resto da cantidade, incorporarase á partida da programación da Festa do Mar.

Por último, o alcalde deu conta do informe de intervención de control interno do exercicio 2024, un documento que, segundo indicou Moldes, ten cifras similares que anos anteriores, cos gobernos tripartitos, tanto en número de reparos como en porcentaxe de informes desfavorables, así que asegurou non entender o “falso alarmismo da oposición, xa que agora a única diferencia é que goberna o Partido Popular”.

En 2024, máis do 60% dos reparos do informe da intervención están relacionados coas subvencións aos colectivos: informes desfavorables por incumprimento no prazo de presentación ou xustificación, falta de documentación ou mesmo porque son incapaces de xustificar a cantidade que previamente se lle concedeu a través da subvención. “Unhas situacións para as que decidimos ser flexibles para evitar que perdan uns fondos que son importantes para o desenvolvemento da súa actividade”. Así, puxo como exemplos as axudas das salas de lectura da SCD Raxó e do Ateneo, así como ás anpas dos colexios, a canceira municipal, axuda ao pobo saharaui, clubs deportivos…. “A recomendación da oposición é retirarlles as subvencións e estas axudas a todos estes colectivos?”, preguntou.

Outra das cuestións que se inclúen son as colaboracións que o Concello de Poio ofrece ás comisións de festas para financiar parte dos gastos de aluguer de carpas, son, etc… Recoñeceu que intentaron subsanar este tipo de cuestións creando unha liña específica para magostos, ampliando as cantidades a subvencionar nas convocatorias de axudas, pero aínda así hai cuestións que quedan fóra e é importante atender.

Por último, en resposta á aposición, Moldes asegurou que a xestión económica do Goberno non pode ser tan mala nin nefasta cando, a pesar de toda a débeda e situación económica herdada, conseguiron pechar o ano 2024 cun superávit de 2,3M€, apostando pola eficiencia, dando resposta a reclamacións históricas e ao seu programa de Goberno.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio