Ángel Moldes: “buscar unha solución ao contrato da auga era prioritario para este Goberno, e por iso traemos un documento moi beneficioso para a veciñanza e que, por primeira vez, conta cos informes favorables de secretaría e intervención”
A corporación municipal do Concello de Poio deu onte luz verde ao estudo de viabilidade do novo contrato da auga, cos votos a favor do PP e as abstencións de PSOE e BNG. Un contrato para o que, segundo explicou o alcalde, Ángel Moldes, “buscar unha solución era absolutamente prioritario para este Goberno, e por iso traemos un documento moi beneficioso para a veciñanza e que, por primeira vez, conta cos informes favorables de secretaría e intervención”. Un documento que permitirá prestar un mellor servizo á veciñanza, garantir a calidade da auga e ampliar a rede en zonas como A Caeira, Vilariño, Fragamoreira… lugares que a día de hoxe continúan sen estes servizos básicos e aos que o novo contrato ofrecerá unha solución.
O estudo analiza a viabilidade da xestión indirecta do servizo de abastecemento de auga potable e rede de sumidoiros, a través dun contrato de concesión de servizos. A través do documento, descríbense as instalacións destas redes en Poio, que conta con 7.570 abonados de abastecemento e 8.537 de sumidoiros. Ademais, dos 1.246.930 metros cúbicos de auga potable que se subministran, aproximadamente o 75% se compran ao Concello de Pontevedra e o resto proveñen de captacións propias. E en canto ao rendemento da rede municipal, sitúase nun 75%, valores mellorables para un concello das características de Poio.
O novo contrato terá unha duración de 20 anos, prorrogables outros cinco e garantirá investimentos por valor de 15M€. Con respecto ás tarifas, Moldes explicou que “priorízanse criterios xustos segundo o consumo, porque non pode ser que domicilios domésticos paguen o mesmo que os consumidores industriais”. No abastecemento, un consumidor doméstico abona actualmente 8,38 euros e co novo contrato da auga, no primeiro ano o recibo bimestral reducirase a 7,43 euros e no terceiro, cando xa comecen a executarse os investimentos, actualizarase a 8,92 euros. No caso do saneamento, neste momento a cota fixa é de 15,32 euros, que se rebaixará a 14,74 euros e, no terceiro ano, tamén cos primeiros investimentos nas redes, establecerase en 21,32 euros.
No pleno tamén se aprobaron, por unanimidade, os listados de investimentos de obrigado cumprimento e melloras que deberá asumir, no seu momento, a empresa que consiga a concesión do servizo. Entre eses investimentos inclúense, no primeiro ano, 4,6M€ para dotar de servizos a Vilariño-Fragamoreira, nas rúas San Antoniño, Río Miño e Illa de Ons. No segundo ano, o investimento superará o 3,4M€, para mellorar as redes na Bouza (Samieira), na rúa Illa de Tambo, nos camiños Lubiáns, travesías 2ª e 3ª de Lubiáns, Fogueteira e Campo Loncras, na marxe esquerda da PO-308 entre Covelo e Combarro; no camiño de Bocas e avenida de Colón ou rede de pluviais en rúa Coruxa e camiño Real do Casal. No ano tres, destinaranse 2,3M€ para mellora do camiño Os Mouchos, da Cachada, travesía de Lubiáns, camiño Monte do Cura, na marxe dereita da PO-308, entre Chancelas e Raxó, na PO-308 entre o cemiterio e o Remo e a avenida da Praia. Por último, no cuarto ano, o investimento a realizar ascende a 1,3M€, entre as que están enlace da Escusa e Río Mouro co saneamento existente, rede de saneamento na Escusa, en río Mouro e Río Mouro pequeno.
Todas estas son actuacións de obrigado cumprimento no novo contrato e, a maiores, entre as melloras incluirase tamén o novo depósito ETAP e conexión no Sartal, cun orzamento de 3,8M€, e que reducirá de xeito importante o volume de auga que neste momento o Concello de Poio compra a Pontevedra, solucionar problemas de presión na rede de todo o municipio e dará, tamén, servizo ao futuro polígono industrial de Fragamoreira. Ademais destes investimento, o novo contrato da auga contemplará o ingreso dun canon anual ao concello de 76.000 euros.
“É un gran día para os veciños de Poio. Despois de sete anos co contrato da auga caducado, aprobamos un documento que vai repercutir de xeito moi importante na mellora dos servizos básicos e da súa calidade de vida”, asegurou o alcalde durante a súa intervención. Neste senso, lamentou que “se perdesen tantos anos de investimentos urxentes e necesarias”, e recordou que o Goberno tivo que comezar desde cero con todo o proceso “porque había informes demoledores da secretaría e intervención respecto ao traballo feito con anterioridade, que contiñan erros moi graves, tanto na estrutura de custes como na fórmula de revisión prezos, así como no estudo de viabilidade, todos eles asentados sobre unha base ilegal que incumpría a lei de contratos do ano 2018”. Así pois, amosou a súa satisfacción e agradeceu o traballo dos técnicos para elaborar e aprobar en tempo récord este documento.
Una vez aprobado en pleno este estudo de viabilidade, abrirase un prazo de exposición pública, redactarase unha estrutura de custes e aprobarase unha ordenanza non fiscal e, no caso de que non haxa ningunha reclamación, aprobarase de xeito definitiva para sacar a licitación o contrato da auga do Concello de Poio.
SUPERÁVIT DE 2,3M€
Tamén no pleno de febreiro o alcalde, Ángel Moldes, deu conta da liquidación do orzamento do ano 2024, que arroxa un superávit de 2,3M€ e reduciu o nivel de endebedamento ao 48,4%. Un resultado que, segundo sinalou o alcalde, Ángel Moldes, demostra “a boa xestión económica que realizamos no último ano, apostando pola eficiencia e dando resposta a reclamacións e investimentos históricos”.
A previsión definitiva de ingresos durante o ano pasado ascendeu a 19,1M€ e o gasto realizado foi de 16,7M€. “Co primeiro orzamento que elaborou este Goberno conseguimos dárlle a volta a unha situación económica moi complicada e fomos quen de incrementar de xeito moi importante a nosa capacidade de financiamento”, engadiu.