Licenza para máis de 50 novas vivendas en San Salvador e Raxó

07/07/2026

O Goberno local segue traballando na última fase da modificación puntual do PXOM que dará acceso á maior bolsa de superficie para destinar a vivenda pública, en permanente contacto coa Consellería de Vivenda e Infraestruturas: “Con este goberno e a colaboración da Xunta faremos por fin realidade a creación de vivenda pública, algo que non se viu en Poio desde hai xeracións”.

A Xunta de Goberno Local de Poio aprobou na última semana a concesión de licenza para a construción de dous novos edificios residenciais en San Salvador e Raxó, que suman un total de 51 novas vivendas no municipio.

Trátase de dúas promocións de vivendas situadas na avenida Antelo e Mariño, en San Salvador, e a avenida Portería, en Raxó. A concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, visitou o emprazamento de ambos os futuros edificios e subliñou que estas novas licenzas “confirman que Poio segue avanzando e medrando, e continúa a ser cada vez máis un concello atractivo para vivir, investir e desenvolver novos proxectos”.

No caso de San Salvador, a actuación contempla un edificio de catro plantas e baixo cuberta, cun total de 36 vivendas, 39 rochos e 69 prazas de garaxe. O proxecto, que ocupará varias parcelas xunto ao Parque Rosalía de Castro e a Policía local, inclúe tamén unha cesión obrigatoria ao Concello de 378,99 m² para a ampliación e mellora do viario público na contorna.

A segunda licenza aprobada corresponde a unha promoción situada na avenida Portería (PO-308), en Raxó. Neste caso, o edificio contará con 15 vivendas, coas as súas correspondentes prazas de garaxe e rochos, cunha configuración expresamente deseñada para salvar o forte desnivel existente entre a avenida Portería e o camiño da Granxa.

O proxecto comprende tamén a creación dun novo espazo de uso público na zona de acceso ao garaxe, cunha cesión de 417 m² urbanizados que darán lugar a unha praza pública. Ademais, contémplase a achega doutros Ademais, contempla a achega doutros 306 m² para a reconstrución e mellora da escalinata que conecta os dous viais, contribuíndo así a mellorar a conexión peonil e a accesibilidade nesta zona de Raxó.

Para Cochón, “cada nova licenza é unha boa noticia, porque significa máis vivenda dispoñible, máis actividade económica, máis emprego e máis oportunidades para que novas familias poidan construír o seu proxecto de vida en Poio”. A edil lembra que o Goberno local está a traballar para axilizar a tramitación urbanística “con rigor, seguridade xurídica e responsabilidade, pero tamén coa máxima colaboración con particulares, autónomos, empresas e promotores que queren apostar polo noso municipio”.

Ademais, as reservas de espazo público incluídas nos distintos proxectos -as escaleiras, a praza, o acondicionamento de viais- confirman que “cada nova iniciativa residencial ou empresarial redunda tamén na mellora dos espazos públicos, da mobilidade e a calidade urbana de cada parroquia na que se desenvolve unha destas iniciativas”.

A edil confirmou que o departamento está a resolver varios expedientes para dar luz verde a novas promoción privadas das que se dará conta en breve, pero tamén que o Goberno local, en colaboración coa Xunta de Galicia, segue traballando na última fase da modificación puntual que dará acceso á maior bolsa de superficie para destinar á vivienda pública.

Nese sentido, o contacto coa Consellería de Vivenda é permanente para materializar o obxectivo dos dous gobernos, local e autonómico, de crear vivienda pública -algo que non se viu en Poio desde hai varias xeracións.

UN PARQUE DE VIVENDA EN CONSTANTE CRECEMENTO, XUNTO A NOVOS PROXECTOS EMPRESARIAIS

Cochón enmarcou as novas licenzas nun momento de especial dinamismo para Poio, cun volume moi importante de vivendas de iniciativa privada construídas, en construción ou planificadas nos últimos anos, moitas delas recuperadas ou desbloqueadas tras anos de parálise.

Neste sentido, Cochón lembra que, entre novas promocións, proxectos reactivados e actuacións en distintas fases de tramitación, Poio pode chegar a sumar preto de 1.000 vivendas de iniciativa privada durante o presente mandato, que contribúen a ampliar o parque residencial e a dar resposta á demanda existente no municipio.

“Poio está en pleno crecemento”, afirmou a edil, que destacou que este dinamismo non se limita ao ámbito residencial. Nos últimos meses tamén se están dando a coñecer numerosas iniciativas turísticas e empresariais, entre elas o desbloqueo de proxectos hoteleiros, grandes superficies comerciais ou os avances vinculados ao futuro polígono de Fragamoreira, que revelan “un concello que segue atraendo emprendedores, veciños e visitantes”.

Cochón quixo agradecer “a todas as persoas, empresas e promotores que están confiando no potencial de Poio e escollendo este municipio para os seus proxectos”. Nesa liña, garantiu que “terán sempre a porta aberta e toda a colaboración do Goberno local para xerar riqueza e emprego, ampliar oportunidades e seguir facendo de Poio o mellor lugar para vivir, traballar, investir e visitar os 365 días do ano”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio