Labores de acondicionamento para poñer en valor o Miradoiro de Samieira

25/06/2025

O Concello de Poio vén de realizar obras de acondicionamento no Miradoiro de Samieira, co obxectivo de mellorar e poñer en valor un espazo emblemático da parroquia, que ofrece unha vista privilexiada sobre a ría de Pontevedra e a Illa de Tambo.

Os traballos, que contaron coa colaboración da Comunidade de Montes de Arén e dos axentes forestais da Xunta, incluíron a limpeza integral da contorna, o pintado e renovación de elementos deteriorados, a substitución de losetas en mal estado e a construción dun bordo de pedra perimetral para evitar a proliferación de maleza e garantir un mellor mantemento futuro. Estas actuacións buscan non só mellorar a estética do espazo, senón tamén incrementar a súa funcionalidade e seguridade para o uso público.

O miradoiro conta cunha pequena edificación cun arco romano de pedra na entrada, que semella ás ruínas dunha antiga ermida, que o converte nun punto de interese tanto para a veciñanza como para os visitantes.

Esta intervención forma parte do plan de mantemento e mellora de espazos públicos que o Concello está a desenvolver en todo o municipio, co obxectivo de coidar e revitalizar o patrimonio, garantir espazos seguros e agradables e seguir facendo de Poio un concello atractivo, sostible e con mellores servizos para todos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio