Dáse resposta a unha demanda histórica tras décadas de filtracións de auga que dificultaban a práctica deportiva no interior da instalación. A finais de outubro o Concello de Poio aceptou as condicións de Portos de Galicia para asumir a concesión da nave, un requisito imprescindible para que xa poidan investir na súa mellora.
O Concello de Poio proxecta a substitución da cuberta da nave do club piragüismo Poio, en Combarro, para dar así solución aos graves problemas de filtracións que acumula a instalación desde hai décadas e que dificultan a práctica deportiva no seu interior. O proxecto contempla renovar a cuberta da nave, cun investimento que supera os 50.000 euros e que se financiará con cargo ao Plan provincial de infraestruturas deportivas. Unha actuación que, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, “é prioritaria e unha necesidade para ofrecer unhas instalacións dignas aos deportistas”.
Recorda que despois de décadas sufrindo esta situación de filtracións continuas, a finais de outubro deste ano aprobouse no pleno asumir a concesión da nave titularidade de Portos de Galicia, un trámite que comezou en xuño de 2023 e que era un requisito imprescindible para que o Concello de Poio puidese investir na instalación.
“Non queríamos continuar cos mesmos parches que se fixeron nos últimos anos e que se demostrou que non servían de nada. É máis, moitos dos problemas que hai agora son froito das chapuzas e remendos que se fixeron durante anos sen impedir que continuase chovendo dentro da nave. Nós queremos dar unha solución definitiva e iso pasa, necesariamente, por repoñer a cuberta”, engade Moldes. Así pois, di que, “en menos de dous meses desde que conseguimos a concesión da nave, xa temos enriba da mesa o proxecto e estamos en disposición de acadar financiamento a través de fondos provinciais para que pronto sexa unha realidade”.
APOSTA POLA MELLORA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
A mellora da nave de piragüismo de Combarro súmase a outros proxectos executados polo Concello de Poio para mellorar as instalacións deportivas municipais. Así, recordan que recentemente tamén se puxeron en funcionamento dous novos vestiarios no campo de fútbol da Seca, inaugurouse a pista pump-track, melloráronse problemas de condensación no pavillón de Lourido, ampliouse o horario e os controis de acceso ao ximnasio municipal e está en proxecto a creación dunha pista multi-deporte en Vilariño.