Investimento de 70.000 euros para substituír o firme e mellorar a seguridade no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba

15/11/2024

Esta vía municipal transcorre de xeito paralelo á PO-308, sendo unha alternativa de circulación que, ademais, conecta con toda a zona de San Salvador, A Barca e A Caeira.

O Concello de Poio comezou as obras para substituír o firme e mellorar a seguridade viaria no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados. O proxecto, que conta cun investimento de preto de 70.000 euros con cargo ao plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, inclúe a demolición do pavimento actual e adaptar a rasante ó paquete de firme que pretende acadarse, permitindo así mellorar a seguridade, integrar a zona e poñer en valor toda a contorna.

O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, que se achegou ata o lugar para coordinar os traballos coa empresa adxudicataria, recorda que esta vía municipal transcorre de xeito paralelo á PO-308, sendo unha alternativa de circulación que, ademais, conecta con toda a zona de San Salvador, A Barca e A Caeira. Por iso, sinala que esta rehabilitación era urxente e prioritaria, tendo en conta o importante estado de deterioro de todo o asfalto que acumula tras anos sen mantemento e que supoñía un perigo para o tránsito de vehículos.

Desde o Goberno local, este ano apostan por priorizar investimento que permitan solucionar problemas e dar resposta a necesidades que se acumulan en vías e camiños municipais ao longo de todo o municipio. Así, ademais deste investimento en Poio de Arriba, tamén se están executando neste momento melloras no firme e ampliación da rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba, en Combarro, e nos próximos días executaranse proxectos na Seara, en Outeiro de Fontenla, Fonteiriñas, Sartal, Liñares, Paradela, Banda do Río, San Martiño de Rial e Peirao do Covelo, entre outros.

“Estamos traballando para dar resposta a demandas e reclamacións históricas, mellorando a conexión e a mobilidade en camiños e viais municipais que son importantes para conectar o rural e ampliar os servizos básicos á veciñanza”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio