Ángel Moldes: “o maratón de Fátima é moito máis que unha cita deportiva, é un evento que suma tradición e historia dun pobo. Unha cita que involucra a moitos colectivos e que conta coa participación de grandes e pequenos”. Destaca que Poio estase convertendo nun referente en organizar e acoller eventos e citas deportivas ao longo de todo o ano.
23, maio,2025.- A tradicional maratón de Fátima celebrarase o sábado 31 de maio en Campelo. O prazo para anotarse xa está aberto, ata o 28 de maio, a través da Federación Galega de Atletismo en carreirasgalegas.com. As inscricións son gratuítas para todas as categorías, desde chupete ata os maiores de 66 anos.
O alcalde Ángel Moldes, e o presidente da AAVV de Campelo, Manuel Ligero, presentaron a proba acompañados de representantes das entidades colaboradoras da carreira, entre os que se atopan os clubes Illa de Tambo, Triatlón Poio ou Rosa dos Ventos, entre outros.
Ángel Moldes salientou que “o maratón de Fátima é moito máis que unha cita deportiva, é un evento que suma tradición e historia dun pobo. Unha cita que involucra a moitos colectivos e que conta coa participación de grandes e pequenos”. Ademais, destacou que “non só fomenta a práctica do deporte e a adopción de estilos de vida activos, senón que tamén é unha oportunidade como dinamizador socioeconómico. Atrae participantes, enche de vida as rúas de Campelo e combina deporte, paisaxe e tradición, converténdoo nunha experiencia única”.
A recollida de dorsais e chips farase o mesmo día da proba, entre as 17.45 e as 18.50 horas. A proba absoluta comezará ás 19.00 horas desde a Praza da Granxa, onde tamén estará habilitada a liña de meta, e percorrerá diferentes espazos do municipio. Á marxe da carreira absoluta, tamén haberá outros oito grupos, en función da idade. Establécense as categorías chupete (ata 3 anos), biberón (nados entre 2020 e 2022), xouba (entre 2019 e 2016), xurel (de 2015 a 2012), ollomol (entre 2011 e 2008), sénior (entre 2007 e 1990), máster A (de 1989 a 1976) e B (ata 1975), tanto femininas como masculinas. As distancias dependen de cada tramo de idade. Haberá premios para as tres primeiras persoas clasificadas en cada categoría, desde os nados no ano 2016. Tamén haberá distincións para a primeira e o primeiro atletas locais na carreira absoluta.
Desde o Concello de Poio e a AV de Campelo fan un chamamento á cidadanía para que tome parte na que “sen lugar a dúbidas volverá ser unha gran xornada de convivencia, saúde e deporte en Campelo”, ao tempo que salientan que actualmente as inscricións avanzan “a bo ritmo”. Así, a día de hoxe, xa hai case 200 persoas inscritas.
POIO, REFERENTE EN EVENTOS E CITAS DEPORTIVAS
Por último, o alcalde Ángel Moldes subliña que o Concello de Poio estase convertendo nun referente na organización de eventos e citas deportivas. Así, recorda que esta fin de semana A Seca será escenario dunha concentración de Escolas de Rugby de toda Galicia e da xornada Xogade coas motos, pero ao longo de todo o ano inclúense numerosas citas deportivas tamén de primeiro nivel, como a histórica saída de La Vuelta desde Poio en setembro. “Un amplo abanico de propostas ao longo de todo o ano que demostran a capacidade do noso concello para organizalas, pero que tamén converten a Poio nun lugar atractivo, dinámico e de referencia, non só para a veciñanza do noso concello, senón tamén de toda a comarca e provincia que visitan e participan das nosas actividades e enchen de vida as nosas rúas, algo fundamental para o desenvolvemento socioeconómico do noso municipio”.