Desenvolverase en maio, e as persoas interesadas xa se poden anotar no whatsapp 657 461 365.
O Concello de Poio organiza un novo obradoiro de Alimentación terapéutica e fermentados, co que fomentar a economía circular e o respecto ao medio ambiente. Un curso que, como explica o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, é gratuíto e conta con 20 prazas, nas que terán preferencia para participar as persoas que na edición anterior quedaron en lista de agarda. As inscricións xa se poden facer no whatsapp 657 461 365.
O curso desenvolverase os días 6, 8, 13 e 15 de maio, de 16.30 a 19.30 horas na Casa Rosada. Estará impartido por Sole Saburido Álvarez, de Fermentos da Meiga, e é gratuíto. O obxectivo desta actividade é introducir ás persoas participantes no mundo da fermentación caseira, un método de conservación tradicional que ofrece moitas posibilidades para transformar e crear alimentos superiores en nutrientes, desenvolver novos aromas e sabores, reducir o desperdicio orgánico e xerar unha maior conciencia de aproveitamento.
Domínguez salienta que cada vez hai máis veciños en Poio comprometidos coa separación de residuos, coa reutilización e coa economía circular e o aproveitamento de recursos, e isto demóstrase no alto interese que espertan os cursos que organizan desde Medio Ambiente. De feito, na anterior edición do curso de Alimentación Terapéutica as prazas cubríronse en tempo récord.