fbpx

O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás (PSdeG-PSOE), supervisou este xoves, acompañado polo titular de Urbanismo, o tamén socialista Gregorio Agís, o avance experimentado na actuación que o Concello está a acometer no Camiño Real, entre os lugares da Bouza e Urxeira, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e a renovación de servizos básicos. Trátase dun proxecto financiado con fondos correspondentes ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra na convocatoria de 2022.

A concelleira de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, visitou hoxe as instalacións do pavillón polideportivo da Seca, na parroquia de San Xoán, no que veñen de finalizar os traballos de renovación e mellora da pista, ademais da realización doutras tarefas, a través dun proxecto cun orzamento superior aos 200.000 euros. A edil do Goberno local confirmou que a infraestrutura recuperará a súa actividade habitual nos vindeiros días, volvendo a acoller adestramentos e partidos de competición. Precisamente, está previsto que este sábado o pavillón xa acolla o encontro de Liga do Poio Pescamar, realizándose un pequeno acto previo de inauguración.

O Palacete de Besada acollerá este domingo, 26 de marzo, unha cita moi especial, no que a música e a solidariedade irán da man para dar vida a un evento que aspira a acoller a un gran número de asistentes. Será entón, a partir das 17.00 horas, cando teña lugar o acto de presentación do último disco publicado pola artista pontevedresa Marietta, titulado ‘Verde, meiga e Bravía’. Este traballo recolle 12 temas inéditos propios, 11 dos cales foron gravados en galego. Será unha cita moi especial,  presentada polo artista e humorista  Isi, na que terán lugar diferentes actuacións musicais e no que  que as persoas asistentes terán ocasión de axudar ás familias máis necesitadas do municipio, a través da doazón de alimentos non perecedoiros.

A Mesa En Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio, na que están representados todos os grupos da Corporación municipal e o tecido asociativo do municipio, celebrará este xoves, 23 de marzo (20.00 horas), unha nova sesión, na que entre os temas a tratar figura unha proposta para que o Concello reafirme o seu apoio a todas as familias do municipio con persoas afectadas por parálise cerebral.

 

Go to top