60.000€ para mellorar o firme na travesía de San Xoán e no camiño de Liñares

16/05/2024

A xunta de Goberno aprobou hoxe o expediente de contratación, que conta cun prazo de 20 días naturais para que as empresas presenten as súas ofertas.

O Concello de Poio e Medio Rural investirán 60.151,02 euros para mellorar o firme na travesía de San Xoán e no camiño de Liñares. Son dous camiños de titularidade municipal que actualmente presentan un importante estado de deterioro nalgúns puntos, provocados tanto polo desgaste producido pola circulación de vehículos como á erosión orixinada pola auga.

Trátase dunha actuación “imprescindible” para o Concello, coa que quere garantir a seguridade e mellorar a mobilidade. As actuacións inclúen rehabilitar o firme e a mellora do sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais mediante a instalación da rede de pluviais en parte do tramo de actuación. Así, preténdese reasfaltar o pavimento existente mediante o aporte dunha capa media de 6 cm de mestura bituminosa en quente, gañando todo o espazo que se poida entre muros. Para garantir o bo mantemento do firme e o seu uso, dotarase ó camiño dun tramo de tubaxe para recoller e evacuar as augas pluviais. Esta rede completarase coa execución de catro pozos de rexistro e a instalación de cinco tramos de canaleta.

Para estas actuacións, o Concello de Poio recibiu unha subvención da Axencia de Galega de Desenvolvemento Rural, con cargo ao Plan de mellora de camiños municipais. O importe asignado pola Consellería ascende a 49.711,59 euros, mentres que o Concello de Poio aportará 10.439,02 euros.

A xunta de Goberno local aprobou hoxe o expediente de contratación, que conta cun prazo de 20 días naturais para que as empresas presenten as súas ofertas.

Ademais, tamén a través de Medio Rural, tamén se vai realizar un estudo integral para coñecer o estado de toda a rede viaria municipal.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio