Éxito na I Xuntanza de Maiores de Poio que reuniu a 400 persoas: “unha idea que naceu deles e que hoxe facemos realidade”

29/04/2024

A participación superou todas as expectativas: “escoitar á veciñanza é sempre un acerto”, sinalou o alcalde, Ángel Moldes.

Catrocentas persoas participaron hoxe na I Xuntanza de Maiores organizada polo Concello de Poio, unha xornada de convivencia “que foi todo un éxito e superou todas as expectativas”, indicou o alcalde, Ángel Moldes. Así, asegurou que “escoitar á veciñanza é sempre un acerto. Os maiores de Poio pedíronme ter a súa propia xuntanza e hoxe, con esta participación tan numerosa, demostran que tiñan razón, que había moitas gañas de xuntarse en Poio. Para eles era importante reunirse cos seus propios veciños e, incluso, ser anfitrións dos que se achegan desde outros lugares. É unha idea que parte deles, que nos pareceu moi interesante e que hoxe facemos realidade”.

A xornada comezou ás 13.00 horas, coa música de Juan José Mariño, da Escola de Acordeóns de Poio, e continuou co xantar de confraternidade. O menú incluíu empanada, callos, carne ao caldeiro, bebidas e postre. Todo amenizado coa actuación en directo, co Dúo Prisma, que deu paso ao baile e sorteos de agasallos doados por comercios locais. A maior parte dos 400 asistentes foron veciños de Poio, pero tamén se achegaron ata a carpa instalada na Seca persoas procedentes de concellos da contorna. Cada asistente pagou 20 euros por participar.

A todos, Moldes agradeceu a súa asistencia e recoñeceu que facíalle moita ilusión “converter a Seca nun punto de encontro, de conversas e de festa para os maiores”. Nesta liña, sinalo que “para este goberno os maiores son unha prioridade, e por iso apostamos por reforzar as actividades e propostas que promovan un envellecemento activo”.

Así, recordou que “Poio é un concello de todos e para todos, con propostas para todas as idades e para todos os gustos”. E recordou a que a Xuntanza de Maiores é o colofón final a dúas fins de semana moi intensas en Poio, con propostas lúdicas, culturais e deportivas que congregaron a milleiros de veciños e visitantes.

“Estamos conseguindo dinamizar o noso concello, con moitas propostas, facéndoo atractivo. E estámolo facendo sendo moi responsables e eficientes cos recursos que temos, facendo moito máis e gastando moito menos, concluíu”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio