Éxito das Xornadas Gastronómicas da Ameixa, cun impacto económico superior aos 30.000 euros

03/10/2024

O Concello fai un balance moi positivo da iniciativa, que repartiu máis de 1.500 racións nos 15 establecementos adheridos, e dinamizou a actividade económica despois de rematado o verán

O Concello de Poio fixo este luns un balance moi positivo das Xornadas Gastronómicas da Ameixa finalizadas onte. As Xornadas, recuperadas despois de máis de 20 anos, desenvolvéronse durante as fins de semana de setembro en 15 establecementos de todo o municipio co fin de apoiar á hostalaría no remate da tempada alta e poñer en valor un produto representativo de Poio, como a ameixa. Ademais, as Xornadas tamén serviron como prólogo e complemento á XXXVI edición da Festa da Ameixa de Campelo, que se celebrará do 18 ao 20 de outubro.

A responsable de Turismo, Rocío Cochón, destacou que ao longo das xornadas os establecementos adscritos serviron máis de 1.500 racións deste bivalvo nas súas distintas preparacións, cun impacto económico superior aos 30.000 euros só en vendas de ameixa. “Estamos moi satisfeitos, pero o que é máis importante, o sector está satisfeito e non teño dúbida que os veciños e visitantes, que degustaron uns pratos cociñados con tanto mimo polos nosos hostaleiros, tamén quedaron moi satisfeitos!”, explicou.

Ademais, subliñou que a gran maioría de clientes foi en parella, en familia… e non se limitou a degustar as ameixas senón que tamén consumiu bebidas e outros pratos, e dinamizou a actividade económica noutros establecementos e negocios, polo que sabemos que “a repercusión económica foi moi superior”.

“En todo caso, despois dun verán excepcional en términos turísticos, un dos nosos principais obxectivos principais coas iniciativas que estamos despregando é axudar aos nosos establecementos a estender a súa actividade máis alá da tempada alta e reivindicar que todo o que nos visite, en calquera momento, atopará pratos e produtos da máxima calidade”, indicou a edil: “Creo que imos polo bo camiño”.

Cochón agradeceu a colaboración de todos os locais participantes, que fixo posible o éxito das xornadas, e convidou a veciños e visitantes a seguir comprobando en primeira persoa “por que Poio é o gran referente para comer nas Rías Baixas”, desfrutando do I Certame de Tapas do municipio, TapeaPoio, que se celebra do 3 ao 13 de outubro en 11 establecementos, con 6.000 euros en premios, e da XXXVI Festa da Ameixa de Campelo, a Festa Gastronómica máis senlleira deste produto, a fin de semana do 18 ao 20.

“Poio é un destino único, tamén no que se refire á restauración”, explicou Cochón: “Somos un destino gourmet no que se pode desfrutar de experiencias culinarias da máxima calidade e para todos os presupostos. O mellor sitio para comer, en setembro -coas xornadas gastronómicas-, en outubro, con Tapea Poio e a Festa da Ameixa, e os 365 dáis do ano!”

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio