Tamara González destaca o éxito dunha iniciativa que evidencia o carácter activo e participativo da veciñanza de Poio.
O Concello de Poio destaca o éxito das actividades organizadas para fomentar hábitos de vida saudables entre a veciñanza maior de 55 anos, unha iniciativa que se desenvolveu durante as últimas oito semanas e na que participaron preto de 300 persoas.
Esta programación levouse a cabo coa colaboración da Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS), co obxectivo de favorecer a adquisición e consolidación de hábitos que contribúan a mellorar a saúde física e emocional da poboación, promovendo ao mesmo tempo o envellecemento activo e a socialización.
Ao longo destas oito semanas organizáronse diferentes actividades en todas as parroquias que combinaron exercicio físico, alimentación saudable e formación en cuestións relacionadas co benestar. Así, desenvolvéronse andainas por distintos puntos da contorna, con percorridos entre Campelo e Lourido, Raxó e O Covelo e da Reiboa a Campelo, permitindo ás persoas participantes realizar actividade física ao aire libre ao tempo que coñecían e gozaban do patrimonio natural e paisaxístico do municipio.
A programación completouse con almorzos saudables e sesións informativas sobre hixiene do sono celebradas en diferentes espazos municipais, nas que se abordaron cuestións relacionadas coa importancia do descanso, as rutinas saudables e os beneficios dunha alimentación equilibrada para a saúde.
A concelleira de Saúde, Tamara González, que acompañou aos participantes nestas actividades, amosou a súa satisfacción pola participación rexistrada e polo interese demostrado pola veciñanza ao longo de toda a iniciativa. “En Poio contamos cunha poboación moi activa, implicada e con ganas de participar en actividades que contribúan a mellorar a súa calidade de vida”, sinala.
González destacou tamén que “a resposta foi extraordinariamente positiva, o que demostra que existe unha gran conciencia sobre a importancia de manter hábitos saudables e de participar en propostas que favorecen tanto o benestar físico como o emocional”.
A edil subliña que este tipo de programas “permiten non só promover a saúde, senón tamén crear espazos de encontro, convivencia e intercambio de experiencias entre a veciñanza”, polo que avanzou que o Concello continuará impulsando iniciativas similares dentro das súas políticas de promoción da saúde e prevención.