Éxito da primeira sesión do “Alcalde, máis preto de ti”, que hoxe atendeu á veciñanza de San Salvador

03/10/2024

Máis de vinte persoas asistiron ao Pazo de Besada para facer as súas propostas ao alcalde, Ángel Moldes. Este programa fomenta a participación de todas as persoas ás que, polo motivo que sexa, lles resulta máis complicado achegarse ata a Casa do Concello.

Máis de vinte persoas se achegaron esta mañá ao Pazo Besada para manter un encontro co alcalde, Ángel Moldes, a través da nova iniciativa posta en marcha polo Goberno e que pretende achegar a alcaldía á cidadanía e a todas as parroquias a través do programa de participación “O alcalde, máis preto de ti”.

Moldes, que agradeceu a todas as persoas que se desprazaron ata o Pazo de Besada a pesar da meteoroloxía, subliñou que é unha oportunidade para conversar e atender a todas esas persoas, neste caso veciñanza de San Salvador, que por diferentes motivos non se desprazan ata a Casa do Concello pero teñen moito que dicir e que aportar á vida municipal.

Así, entre os asuntos principais tratados hoxe, incluíronse solicitudes para instalar unha marquesiña escolar entre as rúas Benigno Esperón e Valiña, a organización de sesións de baile os domingos pola tarde, substituír o cartel do lavadoiro de Oliveira, na Barca, así como outras tarefas de mantemento, como pintados de peóns en Ánkar, prazas de aparcamento da Caeira, reposicións de beirarrúas…

“O alcalde, máis preto de ti” é un programa de participación cidadá que pretende achegar a administración local e a atención aos veciños de todas as parroquias. Busca fomentar o contacto directo coa veciñanza, trasladando a Alcaldía desde San Xoán a San Salvador, Campelo, Combarro, Samieira e Raxó.

Como mínimo unha vez ao mes Moldes desprazarase a espazos municipais en todas as parroquias. Hoxe foi o primeiro día de atención ao público fóra da Casa do Concello. A seguinte cita é en Campelo, no Espazo Municipal, o luns 7 de outubro entre as 10.00 e as 13.00 horas. Na Escola do Campo de Combarro será o mércores 16, no Espazo Municipal de Tarrío, en Samieira, o xoves 24; e no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, o mércores 30 de outubro. Son reunións individuais para as que non é preciso solicitar cita previa.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio