O Concello conta coas autorizacións de Costas e cun informe do Areeiro no que inclúe os loureiros e sobreiras como algunhas das especies recomendadas polo tipo de solo e condicións da contorna.
O Concello de Poio realizou a repoboación da praia de Cabeceira con árbores autóctonas e axeitadas ao lugar. Tras recibir a autorización de Costas do Estado e coñecer cales son as especies recomendadas para o lugar, segundo os informes realizados pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, esta semana xa se procedeu ao plantado de oito exemplares, catro da especie loureiros e catro sobreiras.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, comprobou o resultado da plantación das novas especies que, segundo explicou, son os que recomendaron tendo en conta as condicións costeiras e climáticas da contorna, con ventos dominantes de suroeste que precisa árbores que resistan condicións de hálito mariño e posible abrasión eólica; do chan, que nunha gran parte provén de recheo, ten textura areosa, escasa profundidade e afloramentos rochosos de pedra granítica; pola cuberta vexetal herbácea, formada por especies forestais e de matogueira; e a cuberta arbórea, formada por eucaliptos e piñeiros.
LIMPEZA DE PRAIAS
Por outra banda, o Concello de Poio intensificou e reforzou nas últimas semanas as labores de mantemento e limpeza nas praias do municipio para ofrecer a máxima calidade á veciñanza e visitantes ante a chegada do bo tempo. Unhas labores que melloraron de xeito notable grazas ao novo equipamento adquirido polo Concello de Poio, que está especialmente adaptado para a recollida de algas e que optimiza e mellora o acondicionamento dos areais.