A xornada, organizada polo Pontevedra Rugby Club e na que colabora o Concello de Poio, xuntará a máis de trescentos rapaces de 4 a 12 anos e as súas familias nos campos municipais.
Os campos municipais da Reiboa, na Seca, serán este sábado o epicentro do rugby base en Galicia coa celebración da VIII Concentración de Escolas de Rugby. Un evento que reunirá a máis de trescentos nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, acompañados das súas familias, nunha xornada de convivencia e deporte.
A cita está organizada polo Pontevedra Rugby Club, coa colaboración do Concello de Poio, e contará coa participación de escolas de rugby de toda Galicia, que compartirán experiencias e valores arredor deste deporte en auxe. Ao longo do día, os máis pequenos e pequenas poderán gozar de partidos, xogos e actividades formativas que buscan fomentar o compañeirismo, o respecto e a paixón polo rugby desde idades temperás.
O alcalde Ángel Moldes e o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, que presentaron esta mañá a proba xunto a membros de Pontevedra Club Rugby, destacan o carácter lúdico e formativo da concentración, que se consolida como unha referencia anual para as escolas de rugby galegas e unha oportunidade para visibilizar o traballo que se realiza na base. Unha experiencia da man dun deporte que continúa crecendo cada día e que, ademais, en Poio está incluído na oferta que o Concello de Poio ofrece a través das escolas deportivas municipais.
Esta xornada de convivencia, homologada pola Federación Galega de Rugby, vivirase en formato torneo nos dous campos municipais da Reiboa. Xogarase a nivel formativo e non competitivo, de modo que non haberá marcadores e si moita ensinanza e aprendizaxe da man de adestradores e árbitros.
A xornada comezará a partir das 10.30 horas, e ao remate, gozarase do tradicional terceiro tempo do rugby, no que todos os nenos e nenas participantes comerán xuntos na contorna da Seca.
XORNADA DEPORTIVA EXCEPCIONAL NA SECA
Ademais da Concentración de Escolas de Rugby, este sábado a Seca tamén será escenario do programa Xogade coas Motos, na que durante todo o día menores de 6 a 15 anos terán a oportunidade de facer un primeiro achegamento a este deporte.
“Todas estas iniciativas son importantes para dinamizar o noso concello a nivel socioeconómico, para encher de vida as nosas rúas e para ofrecer propostas deportivas e de ocio para todas as idades”, engade o alcalde que, recorda, “familias de toda a xeografía galega aproveitarán para descubrir o noso concello, para gozar dun día e, nalgúns casos, incluso dunha fin de semana de deporte, ocio e turismo”.