Escolares de Poio participan nunha charla teatralizada para previr e sensibilizar sobre as violencias machistas

23/01/2025

Unha obra que pretende advertir sobre as diferentes formas de manipulación e coacción, reflexionar sobre o consentimento e a importancia de non insistir e respectar e ofrece ferramentas para intentar frear calquera tipo de agresión.

Alumnado de 6º de primaria dos centros escolares de Poio participan nunha charla teatralizada, “Consentimento cunha cunca de…”, sobre a sensibilización e concienciación contra as violencias machistas. Unha actividade posta en marcha polo Concello de Poio para seguir avanzando e traballando no respecto e na igualdade e que se desenvolveu esta semana no centro cultural Xaime Illa, en Raxó.

Durante a sesión, nenas e nenos presenciaron varias escenas nas que o mozo convida a varias rapazas a tomar algo na súa casa con diferentes resultados, amosando a persuasión, a insistencia, a chantaxe… e as diferentes reaccións delas a estas situacións e as súas emocións.

Unha obra da consultoría cultural Imaxina que se estreou en Poio e que pretende advertir sobre as diferentes formas de manipulación e coacción, reflexionar sobre o consentimento e a importancia de non insistir e respectar e ofrecer ferramentas para intentar frear calquera tipo de agresión.

Esta iniciativa desenvolta polo Concello de Poio intenta seguir traballando na igualdade, no respecto e na prevención das violencias entre as xeracións máis novas. Inclúese dentro da campaña “Quen é o agresor? Que a vergoña cambie de lado”, posta en marcha para conmemorar o 25N pero que se desenvolve ao longo do tempo porque, como indica a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, “é preciso e necesario traballar de xeito permanente en previr e alertar sobre esta lacra social”.

Esta campaña vai da man dos centros de ensino, “para dirixirnos á xente moza, usando a súa linguaxe, os seus recursos e incidindo nunha problemática que seguimos sen solucionar. É imprescindible traballar de xeito conxunto para mudar estes comportamentos e evitar a violencia sexual. Traballar na prevención é fundamental”, engade. Neste senso, recorda que “os agresores son os únicos responsables de calquera tipo de violencia sexual e machista contra as mulleres e por iso queremos poñer o foco neles”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio