EN MARCHA OS TRABALLOS DE RECUPERACIÓN E POSTA EN VALOR DA CONTORNA DO ESPAZO MUNICIPAL DE TARRÍO

12/01/2024

2023.

Neste mes de marzo deron comenzo os traballos para facer realidade a recuperación do espazo situado nas inmediacións da antiga escola unitaria de Tarrío, pertencente á parroquia de Samieira. Trátase dun proxecto impulsado a través da Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, dirixida por Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), para o cal se realiza un investimento superior aos 91.000 euros, financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O propio Agís, acompañado polo responsable de Obras e Servizos, o tamén socialista Julio Casás, visitou estes días a zona para comprobar o avance das tarefas.

A actuación inclúe a instalación de servizos básicos e rede de pluviais e a substitución da superficie actual nas proximidades do local social por empedrado. Dotarase tamén a esta área de mobiliario de pedra, un rocódromo e aparellos bisaudables.“Houbo un tempo no que, grazas á actividade que rexistraba a escola unitaria, Tarrío era un punto de encontro habitual para a veciñanza. Agora, estamos convencidos de que esta obra servirá para recuperar un espazo que contará con todos os servizos e que será de gran atractivo para persoas maiores e crianzas, nunha contorna privilexiada como é esta zona, nas proximidades da ruta dos muíños de Samieira”, declarou o responsable de Promoción Económica e Urbanismo. Se as condicións meteorolóxicas o permite, Agís estima que os veciños e veciñas poderán facer uso desta área de lecer antes do inicio do verán. Desta maneira, darase continuidade aos traballos de mellora que xa se efectuaron no interior do local social de Tarrío, impulsados a través da área de Espazos Cidadáns e Participación Veciñal, xestionada pola tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio). Este proxecto de recuperación da contorna da antiga unitaria foi adxudicado á empresa EC Casas.

Agís lembra que desde hai unhas semanas tamén está en marcha a primeira fase da senda peonil que unirá a estrada PO-308, á altura do Laño, coa ruta dos muíños, que estará lista en poucos meses, de xeito que “facilitará unha maior accesibilidade a pé desde o núcleo de Samieira ata a costa, o que redunda nunha maior seguridade peonil, ademais do atractivo turístico que supón”.

Outro feito a salientar polo concelleiro socialista é que coa recuperación da contorna de Tarrío “continuamos avanzando na posta en valor dos núcleos tradicionais, como xa vimos facendo con obras similares noutras zonas de Poio”, como A Seara (San Xoán), Portosanto – Saíñas – A Puntada (San Salvador) ou Caneliñas (Raxó).

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio