Emotiva homenaxe a Manuel Viéitez, que axudou a crear o Bosque de Colón e o custodiou para futuras xeracións

23/05/2025

Ángel Moldes: “asumiu un compromiso persoal coa conservación e coidado deste lugar máxico, unha plantación única que xa é sinal de identidade do noso pobo”. Ademais de descubrir unha placa na súa honra, a súa filla, os seus netos e John H. McElroy plantaron un novo exemplar no bosque.

23, maio, 25.- O Concello de Poio rendeu hoxe unha “merecida, sentida e emotiva” homenaxe a Manuel Viéitez, axente forestal falecido recentemente e que foi unha das persoas que axudaron a crear o Bosque de Colón, a maior plantación de secuoias vermellas de Europa.

Amigos, compañeiros, representantes de colectivos, veciñanza… acompañaron á familia de Manuel Viéitez nesta homenaxe, na que ademais do alcalde, Ángel Moldes, participou o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, así como o profesor estadounidense John H. McElroy, artífice en 1992 desta plantación de secuoias no Castrove.

Moldes, que recordou o amor de Viéitez polo medio ambiente, ás árbores e, en especial polo Castrove, salientou a súa implicación con todo o que facía. “Sentía verdadeira paixón polo monte, e ese cariño e ese respecto polo medio ambiente tamén o trasladou e inculcou aos máis pequenos”. Ademais, recordou que non só axudou a crear o Bosque de Colón, “asumiu un compromiso persoal coa conservación e coidado deste lugar máxico, unha plantación única que xa é sinal de identidade do noso pobo”.

O alcalde tamén quixo agradecer o esforzo do profesor John H. McElroy para viaxar desde EEUU e participar nesta homenaxe a Viéitez, recoñecendo ese gran vínculo e conexión especial que sempre mantiveron, representando polo seu amor polo monte. “O compromiso de todos nós debe ser conservar o Bosque de Colón. Esta será a mellor homanaxe que podemos facer a Viéitez e ao profesor McElroy”, concluíu.

A música do gaiteiro de Portosanto, Óscar Ibáñez, deu inicio ao acto no Bosque de Colón, no que a familia de Manuel Viéitez, a súa filla Eva Viéitez e os seus netos, xunto co profesor McElroy, plantaron unha sequoia doada polo Centro de Formación e Experimentación Agraria de Lourizán. “Manuel Viéitez era unha persoa leal, na que se podía confiar e un erudito no seu campo. Imos sentir a súa perda durante moitos anos, por iso debemos recordar como era, coa súa alegría, vitalidade, firmeza, honestidade… Este é o seu legado persoal e profesional marabilloso”, destacou durante a súa intervención McElroy.

Tamén a súa filla, Eva, destacou a gran ilusión que sentía o seu pai por ter sido partícipe da plantación en 1992. “Dámosche as gracias por todo o que nos destes ao longo da túa vida,o que non ensinastes en todos os aspectos da vida, e por coidar este Bosque de Colón con tanta ansia e entusiasmo durante todos estes anos”.

A familia de Viéitez, xunto con Ángel Moldes, Agustín Reguera e John H. McElroy descubriron unha placa na súa honra: “En homenaxe a Manuel Viéitez, que axudou a crear o Bosque de Colón e o custodiou para futuras xeracións. Con eterno agradecemento da veciñanza de Poio e dos homes e mulleres de boa vontade aos dous lados do Océano”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio