Ángel Moldes recorda que é un dos municipios que tivo maior crecemento de poboación en 2024.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, recibiu esta mañá aos bebés nados no municipio durante o último trimestre de 2024 para dárlles a benvida e facerlles entrega “dunha caixa que simboliza a aposta deste Goberno polas familias e polos servizos que contribúen a mellorar a vosa calidade de vida”, explicou.
Nun salón de plenos ateigado cos bebés, os seus pais e irmáns, Moldes agradeceu a todos que “apostedes polo noso concello para establecer os vosos fogares e crear os vosos proxectos de vida”. Por iso, trasladou os mellores desexos a Yasmin, Sabela, Ian, Alexander, Bruno, Darío, Adrián, Nora, Martín, Vera, Arlet Adaia, Valeria, Amaia, Martina, Iria, Drazen, Breogán e Luka. A todos entregou unha caixa benvida, que inclúe varios produtos infantís para os primeiros meses, “un pequeno agasallo para demostrarlles que cada un deles xa son parte importante do noso concello”.
Durante o acto, Moldes recordou que Poio é un dos concellos da provincia que tivo un maior crecemento durante 2024, que aumentou en 128 persoas para situarse en 17.425 habitantes. “Somos un concello dinámico, con moita vida e que está crecendo, no que a metade da poboación ten menos de 45 anos e con moitas persoas que están elixindo Poio para crear o seu proxecto de vida, para establecerse e para formar a súa familia. E estamos traballando para ofrecerlles os mellores servizos e prestacións”. Neste senso, recordou que durante este mes porase en funcionamento a primeira unidade de atención temperá de Poio, que están mellorando e ampliando as áreas de xogo e parques infantís e recordou, incluso, que o pasado ano as actividades de conciliación durante o verán foron gratuítas para as familias.