O proxecto ascende a 512.000€, cofinanciado entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia, e a previsión é que estea rematado no último trimestre deste ano.
O Concello de Poio recibiu dez ofertas de outras tantas empresas para executar as obras e crear unha senda peonil e carril bici entre Chancelas e Combarro. Un proxecto que ascende a 512.000€ e que estará cofinanciado entre a administración local e a Xunta de Galicia, a través do Fondo de Cooperación Local.
Será unha actuación única no Camiño Real de Chancelas, no tramo que vai entre os camiños da Bouza eo Camiño Loureiro. O proxecto inclúe a mellora e rehabilitación do firme existente mediante a instalación de cunetas de evacuación de augas pluviais no camiño indicado, así como o reasfaltado do mesmo, mellorando o acceso ás parcelas agrícolas existentes, e limitando a plataforma para o tráfico rodado aos 4 metros de anchura, o cal unido á creación e inicio dunha senda peonil e ciclista cunha anchura mínima de 2,5 m que integre e una dun xeito sostible as parroquias os núcleos de A Bouza e Combarro, conferirán a este tramo dunhas características especiais que fomentarán o transporte sostible e o calmado do tráfico existente.
A tramitación das ofertas comezou a abordarse coa realización dunha mesa de contratación para abrir as ofertas administrativas (sobre A), e nos próximos días está previsto que teña lugar a apertura dos sobres coa documentación técnica das empresas presentadas e admitidas no procedemento. Desde o Concello de Poio valoran que a finais de abril estea licitada a obra que, segundo os prazos previstos, poderá estar rematada no último trimestre deste ano.
O alcalde, Ángel Moldes, destaca que esta actuación é prioritaria para mellorar a accesibilidade e a comunicación entre o núcleo da Bouza e Combarro, unha vía municipal que neste momento está nun importante estado de deterioro nalgúns puntos, producido pola circulación de vehículos e a erosión orixinada pola auga.
Ademais, pon en valor que este ano vai ser histórico para Poio a nivel de investimentos, xa que ademais deste proxecto, tamén hai que incluír a mellora da PO-308 desde A Barca a Casal de Ferreirós e da PO-303 en Samieira, tamén a través de convenios coa Xunta, así como a mellora da estrada provincial de Campelo ou a mellora da mobilidade entre Casalvito e O Padrón, con investimentos provinciais, entre outras actuacións.