DECLARACIÓN INSTITUCIONAL POLO DÍA DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

13/01/2024

2023.

A violencia contra ás mulleres é unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas, persistentes e devastadoras do mundo, pero tamén é a forma máis extrema de discriminación, con graves consecuencias físicas, sociais, económicas e psicolóxicas sobre as mulleres, a curto e longo prazo, que lles impiden participar plenamente e en condicións de igualdade na sociedade.

Todas as institucións e poderes públicos temos o deber de adoptar as medidas necesarias para combatela, alí onde se atope, xa que, en palabras do exsecretario xeral da Organización das Nacións Unidas, Kofi Annan: “A violencia contra es mulleres non coñece fronteiras xeográficas, culturais nin económicas. Mentres exista, non poderemos afirmar estar facendo progresos cara a igualdade, o desenvolvemento e a paz”. 

Foi precisamente esa Organización a que en 1999 oficializou o 25 de novembro como Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller. Un ano máis, en conmemoración desa data, desde o Concello de Poio queremos expresar a nosa máis firme condena de calquera expresión de violencia contra as mulleres, así como todas e cada unha das manifestacións da mesma.

Así mesmo, queremos lembrar a todas as vitimas desta lacra, en especial a Beatriz Lijó, de 47 anos, e Ana Vanesa Serén, de 44 anos, ambas asasinadas este ano en Galicia polas súas exparellas. Os seus asasinatos son a expresión maior desta barbarie machista, que deixa un regueiro de vítimas –as mulleres agredidas física, sexual e psicolóxicamente; os cativos e menores orfos; as mulleres e nenas discriminadas, que viven con medo ou lastran gravísimas consecuencias da violencia sufrida… Unha situación dramática para moitísimas mulleres que se repite ano tras ano. 

Desgrazadamente, fronte a esta realidade tráxica e incontestable, esténdense discursos que banalizan ou negan a violencia machista. É por iso absolutamente necesaria a reacción unánime de todos e todas: identificando esta violencia, recoñecendo as súas sinais, facendo recaer o peso da lei e da sociedade unida sobre quen a exerce e rexeitando de forma contundente a quen a xustifica e a quen ostenta actitudes que a promoven.

Non debemos quedar só na reprobación das condutas violentas. Cómpre rexeitar tamén a indiferenza, a pasividade ou a tolerancia, actitudes cómplices desta violencia que favorecen o mantemento de situacións de desigualdade e discriminación intolerables nunha sociedade avanzada e democrática como a nosa.

A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto para todas as administracións, responsables políticos, lideres sociais e cidadáns particulares. É unha tarefa conxunta que requiere unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación.

Ademais, a violencia machista abrangue moitas formas e está presente en todos os ámbitos: no eido familiar e no profesional; en lugares públicos e privados; na casa, no traballo ou no lecer; no espazo físico e cada vez con máis forza no mundo dixital, un ámbito onde a mocidade está particularmente exposta a vellas e novas formas de violencia machista.

As tecnoloxías da información e a comunicación conlevan tamén riscos e ameazas ante as que a única resposta é formar, sensibilizar e dar ferramentas á cidadanía, e particularmente aos máis mozos, para atallar calquera fenómeno de violencia en canto se intúa.

Os concellos, como administración máis próxima ao cidadán con competencias, entre outros, na promoción dun bo uso das novas tecnoloxías, teñen un papel fundamental que xogar nesta nova realidade para recordar á cidadanía que “a violencia machista vai con todas”, pero nós somos quen de desconectala e deixala atrás. Desde a Corporación Municipal de Poio faremos todos os esforzos para axudar á nosa veciñanza a “que non se enr@de” e sexa capaz de dicir “NON”, tamén no mundo dixilal, á Violencia Machista.

Só este pode ser o camiño a seguir, o de atender a acompañar as vítimas, dotar de todos os recursos propios que sexan posibles e poñelas en contacto cos recursos de todas as aministracións. Pagará a pena calquera esforzo para rematar con esta lacra.

Estamos convencidas de que este é o camiño a seguir, e comprometémonos a seguir traballando, man a man, e con todas as ferramentas ao noso alcance, por este obxectivo tan nobre que nos une a todas: que a última vítima sexa a derradeira.

Non escatimaremos esforzos, colaboración, concienciación ou medidas co obxectivo último de desterrar a violencia das relacións persoais, conseguir a recuperación das vítimas e construir entre todas e todos unha sociedade máis xusta e digna.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio