Conmemoramos o Día Internacional para a eliminación da Violencia contra a Muller, conscientes de que a violencia que sofren as mulleres e nenas polo feito de selo segue a ser un problema estructural e transversal, que atravesa fronteiras, clases, culturas e idades, e golpea da forma máis cruel.
Unha crueldade que sentimos moi recente e moi preto, logo do asesinato de Estela Blach, a mans da súa exparella en Baiona. Condenamos este crime e queremos achegar o noso apoio e solidariedade á súa familia. Con ela choramos á cuarta vítima mortal da violencia machista en Galicia este ano, e por ela e as demais vítimas conmemoramos este día co obxectivo último de non ter que facelo máis.
Loitar contra ela , como facemos este día de forma unida todos e todas as veciñas de Poio, é facelo pola igualdade e a dignidade. E a tarefa non permite demora: somos conscientes da urxencia para conseguir que a violencia contra as mulleres deixe de ser estrutural na nosa sociedade. Por iso, o compromiso para poñerlle fin debe ser un obxectivo irrenunciable e prioritario.
O Concello de Poio, os seus órganos de goberno, as persoas e entidades integrantes do Consello da Muller, e o conxunto da veciñanza, reafirmámonos nesa meta, e asumimos a nosa parte do esforzo colectivo imprescindible que debe transformar as estruturas que sustentan o machismo e a desigualdade, confrontar as actitudes patriarcais, denunciar os discursos e as acción negacionistas e construir un futuro no que ningunha muller sexa vítima de violencia.
No presente, os números estarrecen: 1.284 mulleres asesinadas en España dende 2003 por homes que eran, ou foran, as súas parellas. 40 mulleres asesinadas no que vai de ano 2024, catro delas na nosa Comunidade. Máis de 95.000 denuncias presentadas por mulleres
vítimas de violencia machista. Un estado democrático e de dereito non pode tolerar unha situación tal de criminalidade constante contra as mulleres polo feito de ser mulleres.
Pero a violencia adopta moitas formas:
- Hai violencia cando os homes acosan, feren ou matan a mulleres;
- hai violencia económica que priva ás mulleres da súa independencia ao ter que depender de quen as maltrata;
- hai violencia vicaria na que fillos e fillas tamén son vítimas coas que o agresor busca facer aínda máis dano ás súas nais;
- hai violencia dixital nas ameazas, acoso e chantaxe no mundo virtual;
- hai violencia na prostitución pola que mulleres son obrigadas a ser escravas sexuais;
- e hai moitas veces o xerme da violencia futura na cousificación das mulleres pola pornografía, á que se accede de xeito xeneralizado desde idades cada vez máis novas.
E, naturalmente, onde hai violencia sexual hai violencia machista. Unha violencia na que tamén hai vítimas e agresores. Uns agresores que durante demasiado tempo desfrutaron de impunidade, mentres as súas vítimas sentían vergoña, culpa e invisibilidade. Moito diso mudou, pero precísanse moitos máis cambios.
Por iso entristece o alarmante aumento dos delitos sexuais entre persoas mozas, un 30% no último ano, pero tamén infunden valor exemplos de coraxe como o de Gisèle Pelicot, que elevouse sobre o seu pesadelo para converterse en exemplo de forza, coraxe e valentía.
No xuízo aos seus agresores, Giséle esixiu “que a vergoña cambie de lado”, como fixo anos atrás otra Gisèle, a franco-tunecina Halimi. E ese grito trasformador é o que adoptamos como lema polo Concello de Poio e como obxectivo á sociedade: que nunca máis se poña a agresor e vítima no mesmo plano e na mesma responsabilidade. As consecuencias legais e morais, o reproche social, o foco escrutador debe poñers sobre quen exerce a violencia, e nunca por quen a padece.
A vergoña debe estar do lado dos que cometeron e cometen delitos, mentres a ciudadanía estará do lado das vítimas
Atrocidades como as sufridas por Gisèle deben levarnos a reforzar a defensa dos dereitos humanos e a protección das vítimas, esixindo respecto, xustiza e reparación. E facelo, xuntos e cun propósito compartido, desde todas as administracións.
Por iso, queremos seguir traballando, desde o ámbito local:
- Ratificando o compromiso do Concello de Poio coa loita contra todas as expresión da violencia machista e convertendo esa loita nunha das máximas prioridades na axenda política local, rexeitando calquera acto de violencia, fomentando a convivencia en igualdade e o respecto á diversidade e combatendo os discursos negacionistas.
- Impulsando a sensibilización, a concienciación e a prevención, con especial atención a eventos e coa inestimable labor das traballadoras do CIM e do departamento de Igualdade, así como o inmenso compromiso do tecido asociativo feminino do Concello.
- Promovendo a adhesión ao “Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBI-fóbicas nos espazos de lecer nocturno” da Xunta de Galicia, e colaborando, a través da FEGAMP, na implantación de dito protocolo.
Do mesmo xeito, solicitamos a colaboración da administración autonómica: - Realizando os investimentos, financiamiento e medidas precisas para a prevención e o tratamento da violencia machista, nos ámbitos xudicial, social, e no exercizo das súas competencias.
- Poñendo en marcha liñas formativas e de asesoramento a profesionais e familias para a prevención e detección de abusos a mulleres con discapacidade.
- Reforzando e ampliando os recursos, servizos e prestacións existentes a dispor das vítimas de violencia de xénero, como a atención psicolóxica, a asistencia xurídica gratuíta, as axudas directas periódicas, solucións habitacionais e axudas para a súa inserción laboral, co fin de que logren unha plena independencia.
- Poñendo en marcha o Plan Integral de Actuación para a Renovación e Impulso dos CIM de Galicia co fin de impulsar a súa actividade, optimizar este recurso e adaptalo á evolución das dinámicas sociais e ás necesidades de funcionamento.
- Desenvolvendo a recén aprobada Lei de Igualdade de Galicia, loitando polo fomento da igualdade en todos os ámbitos vitais e profesionais, e continuando programas como as axudas e programas dirixidos ás vítimas de violencia, a extensión da rede de CIMS aos núcleos menos poboados, ou a recentemente anunciada Lei contra a Violencia Dixital
- Incluíndo a educación afectivo-sexual nos proxectos curriculares dos centros de ensino obrigatorio a partir do vindeiro curso 2025/2026
- Planificando e establecendo un programa específico de formación do profesorado para garantir e impulsar a partir do vindeiro curso 2025/2026 actividades e recursos formativos en materia afectivo-sexual, en primaria e ESO, nos centros de ensino de Poio e en todos os centros públicos da Comunidade
- Aprobando e dotando orzamentariamente un plan de reforzo dos recursos e persoal necesario para poder prestar a atención precisa á saúde mental na sanidade pública e dar cumprimento ao mandato de prestar a atención asistencia psicolóxica para vítimas de violencia como un servizo de atención primaria, en coordinación coa atención especializada nas áreas sanitarias. Este plan contará cunha partida
singularizada e orzada nos próximos orzamentos do goberno galego e incluirá, en colaboración co Colexio de Psicoloxía de Galiza, unha proposta de ampliación dos programas xa existentes. - Impulsando un novo marco regulamentario e orzamentario, incrementando a súa contribución, para os Centros de Información á Muller co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM facendo especial énfase na creación destes centros naqueles concellos e comarcas nos que actualmente non existen ou están sobrecargados, impulsar a fixación de rateos mínimas de persoal e favorecer a contratación a xornada completa, como mínimo, de todo o persoal que sexa obrigatorio para a acreditación do CIM.
- Colaborando co Estado, dentro das súas competencias, na erradicación da prostitución e a trata de persoas con fins de explotación sexual, e na protección das mulleres prostituídas
- Rectificando a súa decisión de privatizar os futuros centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual e garantindo a prestación deste servizo desde o sistema público de saúde, con cadros de persoal suficientes para garantir a atención presencial e directamente ao cargo da administración pública, así como a acelerar a súa posta en marcha nas sete áreas sanitarias.
E pedimos tamén ao Goberno do Estado que actúe_ - Renovando o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e actualizándoo incorporando medidas específicas contra a violencia vicaria e a violencia dixital, e ampliando o sistema Viogen
- Promulgando unha lei contra a trata de persoas, comprometida actualmente no Pacto de Estado, e poñendo en marcha actuacións para perseguir as accións de proxenetas e tratantes de seres humanos con fins de explotación sexual que permitan desincentivar a demanda e compra de prostitución, dentro do marco legal
e en colaboración con outras administración, e traballar por que Galicia e toda España estean libres de prostitución, e para garantir sempre, en todo caso, e ata que non se acade ese obxectivo, a protección das mulleres prostituídas.
Todas as administracións, dende o Goberno de España, a Xunta de Galicia, os concellos e as deputacións, temos que seguir a promover avances na loita contra a violencia machista e a protección das vítimas, incidindo na prevención.
Xa que logo, desde o Concello de Poio gritamos hoxe, imploramos que se denuncien todas as formas de violencia contra as mulleres.
Non pode haber máis silencios cómplices.
Non máis vergoña no bando equivocado.
Xa é tempo de que a vergoña, que ata agora recaía sobre as vítimas que sofren a violencia, cambie de bando e recaia sobre os agresores.
Xa é tempo de que non teñamos que chorar a Estela en Baiona, a Fadoua en Moaña, Mercedes na Coruña, a Andrea en Ribeira e a ningunha das vítimas. Pagará a pena calquera esforzo para rematar con esta lacra. É traballo de todos pero tamén de cada unha e cada un de nós. E conseguirémolo xuntas.
Para todo iso, desde o Concello de Poio reiteramos o noso compromiso de seguir traballando, de non escatimar medidas e esforzos para desterrar a violencia machista da sociedade, sinalar aos agresores, dar saídas e solucións ás vítimas e construir entre todas e todos unha sociedade máis xusta e digna.