Dano Cerebral Galicia imparte unha charla de ‘Aproximación ao dano cerebral adquirido’ na Casa Rosada

01/04/2025

A sesión informativa, aberta e gratuíta, vai ter lugar o mércores 9 de abril ás 16:30 horas. Falarase das causas, como o ictus, da prevención, das secuelas ou dos recursos de atención a esta discapacidade, que teñen máis de 35.000 persoas en Galicia.

Dano Cerebral Galicia, a Federación que reúne as cinco asociacións desta discapacidade que hai na nosa comunidade autónoma, leva o 9 de abril a Poio unha charla que ten como obxectivos informar sobre as causas -como o ictus ou os traumatismos cranioencefálicos-, describir as secuelas, sensibilizar sobre a prevención, e achegar referencias sobre os recursos de atención ao dano cerebral adquirido dispoñibles na contorna da localidade pontevedresa, e encabezamos pola asociación Alento (con sede en Vigo).

Esta sesión informativa está organizada en colaboración co Concello de Poio, e vai ter lugar o mércores 9 de abril ás 16:30 no Centro Social Casa Rosada (A Barca). É unha actividade aberta a todo tipo de público, dunha duración estimada de hora e media.

Aínda que a asistencia é de balde, é preciso inscribirse. Este trámite pode realizarse chamando ao 986 872 401 (Servizos Sociais de Poio).

Identificación e prevención do dano cerebral adquirido

O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que teñen en Galicia máis de 35.000 persoas e que está causada na maioría dos casos por un ictus ou por un traumatismo cranioencefálico (derivado sobre todo de accidentes de tráfico, pero tamén laborais, golpes, caídas…). A súa incidencia incrementouse nos últimos anos, e continúa a medrar, especialmente polo aumento de casos de ictus.

Ese aumento está motivado tanto polo envellecemento da poboación como polos cambios nos hábitos de vida (peor alimentación, máis sedentarismo, estrés, e moitos outros), ambos factores de risco do ictus. Ademais, o desenvolvemento da atención médica de emerxencias provoca que se salven vidas que continúan, pero con discapacidade adquirida.

Durante a sesión informativa achegaranse recomendacións para a prevención, así como nocións sobre como identificar un ictus, describiranse as secuelas -moitas delas invisibles, como as condutuais, emocionais ou as cognitivas-, detallando as principais necesidades das persoas e familias con dano cerebral adquirido, e ofrecerase todo o abano de recursos de atención dispoñibles.

Apoio institucional

Ademais do apoio do Concello de Poio, Dano Cerebral Galicia conta para esta actividade co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio