Da reanimación cardiopulmonar á fotografía para exercitar a memoria: éxito das Mareas de Coñecemento en Poio

15/06/2026

Preto de 100 persoas participaron nas tres sesións organizadas polo Concello de Poio en colaboración co Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia. Nos últimos tres anos, estes seminarios gratuítos achegaron formación e coñecemento a preto de 350 persoas do municipio.

Aprender técnicas básicas para salvar unha vida, practicar exercicio terapéutico adaptado ou utilizar a fotografía como ferramenta para estimular a memoria. Estas foron algunhas das propostas que protagonizaron a nova edición das Mareas de Coñecemento en Poio, un programa formativo dirixido a persoas maiores de 50 anos que pechou esta edición cun notable éxito de participación.

Preto dun cento de persoas asistiron a algún dos tres seminarios celebrados nas últimas semanas na Casa Rosada, consolidando unha iniciativa que, ano tras ano, segue espertando o interese da veciñanza. De feito, nas tres edicións realizadas ata o momento, arredor de 350 persoas participaron nestas actividades gratuítas promovidas polo Concello de Poio en colaboración co Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia.

As sesións abordaron cuestións de gran utilidade para o día a día. No seminario dedicado ao soporte vital básico, os participantes aprenderon a identificar unha parada cardiorrespiratoria, contactar cos servizos de emerxencia, iniciar manobras de reanimación cardiopulmonar e utilizar un desfibrilador externo semiautomático.

A programación completouse cun taller de Pilates sénior, que combinou contidos teóricos e prácticos orientados á mellora da mobilidade, o equilibrio e o benestar físico das persoas maiores. Ademais, o obradoiro de fotografía permitiu traballar a memoria e os recordos a través de imaxes antigas, favorecendo a estimulación cognitiva e a participación activa dos asistentes.

A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, valora moi positivamente a acollida desta nova edición das Mareas de Coñecemento e destacou que “o éxito de participación demostra que existe un gran interese por seguir aprendendo e mantendo unha vida activa a medida que cumprimos anos”. Ademais, subliña que “estas actividades non só achegan coñecementos útiles para o día a día, senón que tamén favorecen a socialización, o intercambio de experiencias e o benestar das persoas participantes”. A edil agradece a colaboración da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia para facer posible unha iniciativa que “achega oportunidades formativas de calidade á veciñanza de Poio sen necesidade de desprazarse ás grandes cidades”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio