Corenta persoas participan na Reiboa en novos cursos de alfabetización e competencias dixitais

25/09/2024

Abertas as inscricións para participar nos cursos da aula CeMIT de Poio no mes de outubro.

Corenta persoas, divididas en dous grupos, participan ata o martes na aula da Reiboa nos novos cursos de alfabetización e competencias dixitais transversais organizados polo Concello de Poio. Unhas formacións gratuítas que buscan ofrecer ao alumnado os coñecementos básicos para que poidan realizar comunicacións e transaccións seguras en liña, utilizando os seus propios dispositivos electrónicos e familiarizándose con novas oportunidades de formación e aprendizaxe.

Cada curso ten 32 horas de duración e impártense ata o próximo martes na modalidade presencial na aula de informática situada na Reiboa, un en horario de mañá e outro de tarde. Entre os contidos inclúense módulos de tecnoloxías habilitadoras dixitais (2 horas), información e alfabetización dixital (6 horas), comunicación e colaboración online (6 horas), creación de contidos dixitais (6 horas), seguridade na rede (6 horas) e resolución de problemas (6 horas). Supón unha oportunidade para seguir profundizando en ferramentas dixitais fundamentais para facilitar a inserción laboral, pero tamén para mellorar a busca de emprego ou mesmo para facer calquera xestión administrativa.

A concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, que se desprazou este luns para dar a benvida ao novo alumnado, destaca que estas formacións están espertando grande interese e moita participación entre a veciñanza, completándose todas as prazas dispoñibles en cada unha das edicións que se organizan.

PROGRAMACIÓN DE OUTUBRO NA AULA CEMIT

Por outra banda, a Aula CeMIT do Concello de Poio xa abriu o prazo de inscrición para os cursos que organiza durante o mes de outubro. En total dez formacións que inclúen desde iniciación á informática, ata exercitación da memoria, ata procesador de textos, follas de cálculo, iniciación a internet e ao correo electrónico. Ademais, de luns a venres calquera usuario que o desexe tamén poderá facer uso do equipamento e da conexión a internet da aula de 19.30 a 20.30 horas.

Todos os cursos da Aula Cemit, situada en Combarro, son gratuítos e presenciais. As inscricións pódense facer a través da páxina web cemit.xunta.gal, no enderezo electrónico cemit.poio@xunta.gal ou de xeito presencial na propia aula.

O luns 30 de setembro e os luns 7, 14, 21 e 28 de outubro, de 16.00 a 17.30 horas, realizarase o curso de “Exercita a túa Memoria”, co que os usuarios estimularán a súa mente, a vista e a motricidade fina mediante puzzles e debuxos para colorear.

Os cursos de “Iniciación á informática” ensinarán ao alumnado os conceptos básicos, desde acender e apagar correctamente o computador e o manexo do rato, ata familiarizarse co entorno gráfico e o uso dos arquivos e das carpetas. Desenvolveranse do martes 1 ao venres 4 de outubro, de 16.00 a 17.30 horas, e do 28 ao 31 de outubro, de 17.30 a 19.30 horas.

En outubro organizaranse dúas edicións do curso “Iniciación ao Procesador de Textos LibreOffice Writer”, que ensinará ao alumnado a crear e modificar un documento de texto, dárlle un formato básico, gardalo e imprimilo. O primeiro, do luns 30 de setembro ao venres 4 de outubro de 17.30 a 19.30 horas e o segundo, os martes e mércores 22 e 23 de outubro e do 29 ao 31, de 16.00 a 17.30 horas. O nivel medio organizarase do 7 ao 11 de outubro, e inclúe explicacións sobre formatos máis avanzados, táboas, elementos gráficos e coñecer máis en profundidade as ferramentas que máis se empregan acotío.

“Iniciación a internet” impartirase do 8 ao 11 de outubro, de 16.00 a 17.30 horas, e os participantes utilizarán navegadores libres e gratuítos para coñecer o mundo do hipertexto das páxinas web e aprender a utilizar aplicacións e ferramentas máis comúns.

Do 15 ao 18 de outubro a aula Cemit organiza o curso “Iniciación ao correo electrónico web”, no que se explicará como crear unha conta de correo electrónico, o seu funcionamento, ver os correos recibidos, respondelos ou enviar un novo, así como engadir e xestionar os contactos da axenda (de 16.00 a 17.30 horas).

“Iniciación ás follas de cálculo con libreoffice” impartirase do luns 14 ao venres 18 de outubro, entre as 17.30 e as 19.30 horas. As follas de cálculo son, xunto co procesador de texto, unha das aplicacións máis empregadas, xa que se poden crear documentos que realizan cálculos de xeito automático e permiten a súa impresión, polo que son moi utilizadas na contabilidade, facturación e almacén, sendo unha ferramenta indispensable para o traballo de oficina. O nivel medio desenvolverase do 21 ao 25 de outubro, de 17.30 a 19.30 horas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio