Lanza unha campaña en redes sociais que dedicará cada semana a difundir “un dos moitos tesouros que só temos en Poio” máis aló do ‘sol e praia’ mediante vídeos e accións informativas nas Oficinas de Turismo. A campaña arranca coa senda do Laño, recoñecida por primeira vez co distintivo Sendeiro Azul en 2024: “Un fermoso mirador á ría no que encontrarse coa beleza natural” da parroquia de Samieira.
A concellería de Turismo de Poio comezou este xoves unha campaña promocional en redes centrada en difundir os atractivos turísticos do municipio entre visitantes e veciños durante os meses de xullo e agosto.
A responsable da área, Rocío Cochón, explicou que “precisamente neste momento en que comezan as vacacións queremos recordar que somos un destino de calidade, máis aló de ‘sol e praia’, cun patrimonio natural e cultural extraordinario e onde se poden vivir experiencias únicas”.
Así, a campaña, baixo o lema Un Verán Único, dedicará cada semana a difundir un recurso turístico específico, mediante a publicación dun vídeo curto e outro material informativo nas redes sociais de Turismo de Poio e unha campaña de reforzo nas Oficinas de Turismo municipais.
Como novidade, a campaña está dirixida aos visitantes potenciais, principalmente de orixe nacional, destacando a oferta de “rutas, recunchos e paisaxes únicos que desfrutar os 365 días do ano e tamén en verán”, pero tamén aos propios veciños, para recordarlles “que teñen lugares extraordinarios a un paso de casa”. Cochón destacou que as vacacións de verán son “un momento perfecto” para descubrir e desfrutar en familia lugares que durante o ano “as prisas do día a día nos impiden dedicarlle ese momento tan necesario”.
“Queremos que a propia xente de Poio sexa a primeira que coñeza os tesouros que hai na súa parroquia e no resto do concello”, explicou Cochón, de modo que sexan “os nosos primeiros prescriptores”.
Ademais, indicou que “a nosa oferta diferenciada, con natureza, cultura, gastronomía… e a nosa posición privilexiada, no centro da ría de Pontevedra e entre outros tres destinos de referencia como Pontevedra, Sanxenxo e O Grove”, convértenos na mellor opción para que todo o que nos visite poida descubrir as marabillas que encerra o noso concello e desfrutar Un Verán Único.
CADA SEMANA SE POTENCIARÁ UN LUGAR ÚNICO. A SENDA DO LAÑO, EN SAMIEIRA, PRIMEIRA PROTAGONISTA
A campaña comeza coa senda do Laño, situada na parroquia de Samieira e recoñecida por primeira vez en 2024 co distintivo Sendeiro Azul, da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), que premia e recoñece a conservación e recuperación de sendeiros e itinerarios, transformados en valiosos recursos para a interpretación e a educación ambiental, así como para o desfrute da natureza a través de actividades recreativas, deportivas e turísticas sostibles.
A Senda comprende un itinerario de de 1,2 quilómetros e considérase de dificultade baixa de baixa dificultade. O camiño, que comeza no peirao do Covelo, permite desfrutar dun tranquilo paseo entre carballos e outras árbores autóctonas atravesando as praias do Covelo, O Caeiro e O Laño. Á fermosa paisaxe desde os distintos puntos da senda únese a imponente panorámica da ría de Pontevedra e a Illa de Tambo que se pode contemplar desde o mirador do Laño.
Nun vídeo breve de algo máis dun minuto, publicado nas redes de Turismo de Poio, ofrécense imaxes e datos dos distintos puntos da senda, rematando cunha mensaxe da responsable de Turismo convidando a veciños e visitantes a desfrutar de “Un Verán Único” en Poio.
Link ao vídeo: https://fb.watch/tfsP5dGtnf/
Desde o departamento de Turismo animan á veciñanza a participar na campaña “visitando estes lugares e sacando o móbil para presumir de Poio”, compartindo as súas propias imaxes de vídeos do lugar escollido cada semana, etiquetando a @turismodepoio.